Site icon Crónica3.com A Mariña

Descontento no PP ao rexeitarse na Deputación a urxencia de apoio a un acordo dun pleno de Burela

Nota de Prensa

O GMPP lamenta que o bigoberno da Deputación non aceptase a urxencia da moción sobre o corredor Barreiros-San Cibrao.

Os populares reiteran que están traballando para defender os intereses do concello de Burela .

O GMPP de Burela afirmou hoxe nunha rolda de prensa que lamenta fondamente que os socialistas e os nacionalistas na Deputación non aceptasen a urxencia da moción presentada polo Grupo Provincial do PP sobre o apoio do Pleno Provincial ó acordo adoptado polo Pleno do Concello de Burela, de 30 de Marzo de 2006, e ratificado o xoves da semana pasada, no que se reivindica que o trazado do corredor Barreiros-San Cibrao pase ó sur do Concello, para que non afecte o futuro desenvolvemento burelés.

O bigoberno provincial alegou que había tempo de adoptar o acordo no pleno da Deputación do 28 do presente mes de Xullo, dado que a Deputación tiña que emitir informe sobre a incidencia dos distintos trazados do corredor nas zonas que son competencia da Deputación, fundamentalmente a rede viaria provincial.

Para os populares bureleses, este argumento carece de solidez, porque se o informe da Deputación se tén que circunscribir á rede viaria provincial, e se tal e como se manifestou no pleno da Deputación do pasado martes os tres grupos políticos estaban de acordo en apoiar o que no seu día o Concello de Burela acordou por unanimidade, non se entende que se deixe para finais de Xullo un acordo que tén un compoñente político, e que de momento deixa caer unha dúbida sobre a verdadeira intención de PSOE e BNG, alomenos na Deputación.

O portavoz dos populares bureleses e portavoz adxunto dos populares na Deputación, González Barcia, dixo que non quere dubidar sobre as boas intencións do bigoberno provincial, e polo tanto o PP agardará ó pleno provincial de finais de mes. Con todo, dixo, nós seguiremos traballando para que se defendan os intereses do conxunto dos cidadáns de Burela, e para eso traballamos; e traballamos co Concello, coa Asociación de Veciños e coa propia Deputación. Igualmente, indicou que tiña falado co alcalde sobre a moción presentada polo PP na Deputación e sobre as liñas de traballo a seguir.

Exit mobile version