VICEDO .- A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co concello do Vicedo, anuncia máis actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de xullo nesta localidade. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:
* “Mecanografía”: ao finalizar este obradoiro o usuario será capaz de escribir con todos os dedos e sen mirar ao teclado do computador. Desenvolverase de luns a venres, do 6 ao 17 de xullo, de 10 a 11:30 horas.
* “Iniciación á Informática”: con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este obradoiro, sexa capaz de manexar con certa soltura os obxectos (arquivos, cartafoles, ferramentas …) e funcionalidades básicas que ofrece un computador. Desenvolverase os martes e xoves, do 6 ao 17 de xullo, de 11:30 a 12:30 horas.
* “Suite ofimática: Open Office”: con este obradoiro pretendese que o usuario/a ao finalizar sexa capaz de crear e modificar un documento de texto, unha folla de cálculo, unha base de datos e unha presentación da suite libre OpenOffice. Vai ter lugar do 20 ao 30 de xullo, de luns a venres, de 10 a 12 horas.
Asemade, está prevista a realización da charla “Banca electrónica”. Esta, que terá lugar o día 15, ás 12:30 horas no Centro de Dinamización, consistirá nunha explicación do concepto de banca electrónica e coa axuda dunha demo dun banco veranse todas as posibilidades ofertadas.
O prazo de inscrición para estas actividades será do día anterior ao comezo da actividade.
A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información. A Rede ten entre os seus principais obxectivos titorizar a cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da S. I. A RDSI conta con 51 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega en diversos Centros de Dinamización, nos que se desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital, entre outros, adaptados ás necesidades de diferentes colectivos sociais como son mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades poden dirixirse ao Centro de Dinamización do Vicedo, sito no baixo da casa da cultura, chamar ao teléfono 982.590.195 ou mandar un correo electrónico ao enderezo Tedy.ovicedo@dinamiza.sociedadedainformacion.eu