BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e os voceiros municipais mantiveron nas últimas horas unha xuntanza á que tamén asistiron representantes veciñais de O Vencello, da asociación de montes, de Buril, particulares e empresarios. O rexedor sinalou que “fixemos unha análise de todo o que se foi facendo ata o de agora e quedamos en reunirnos para o día 13 ou 14 de xullo, dependendo dos técnicos que levan o Plan Xeral, técnicos de OTEA e o propio técnico do concello”.
Llano explicou que o que pretenden é “preparar unha alegación en base ó proxecto que se presentou e seguir este procedemento para, a próxima semana, confirmar e ter definida esa alegación que plantexaremos en conxunto”. Ademais, aclarou que “se solicitou unha prórroga de 3 meses para presentar as alegacións, porque, aínda que en principio, cada particular ten un mes e as institucións dous meses por lei, a petición é de 3 meses para ter unha garantía de poder presentar alegacións en tempo e forma”.
O responsable da alcaldía rematou dicindo que o obxectivo “é confirmar unha alegación en conxunto, unha petición de todos que sexa unánime diante de Fomento para que isto teña os efectos que pretendemos, que como xa saben todos é pasar o corredor pola parte sur de Burela, incluso que non toque o concello porque sería o mellor que se pode facer con esta autovía. Sería unha barbaridade que partira pola metade o noso territorio”.
Xuntanza colexios
O alcalde de Burela, Alfredo Llano e a delegada de Educación, Lucía Bouza tiveron unha reunión cos catro directores dos centros educativos de Burela, e tamén cos representantes das ANPAS para confirmar a colaboración do concello no vindeiro curso.
Llano confirmou “a colaboración cos comedores escolares aportando persoal ou o que faga falta para que sexa un bo servizo, tamén se falou das actividades extra-escolares para que continúen o próximo ano despois das 15.30 e ata as 17.30, pero éstas vanse especificar a partires do 1 de setembro”. O rexedor engadiu que “concretamos a colaboración do concello para que os colexios poidan levar ós rapaces á piscina e sexa máis doado o aprendizaxe da natación.Todo ten coma obxectivo que os colexios teñan un bó rendemento e que sexa importante tanto para os colexios como para o concello”.
Control alcoholemias
O alcalde de Burela anunciou a colaboración do Concello coa Dirección Xeral de Tráfico nunha campaña de control de alcoholemia que comezou onte e continuará ata o día 19 de xullo. Llano dixo que “imos colaborar na campaña porque é un dos aspectos que provoca máis accidentes e porque consideramos que hai que implicarse nesta baixada dos sinistros. Así que a Policía Local vai facer polo pobo de vez en cando algún control, non se trata de ningún castigo, senón que é unha aplicación que debe facerse para que todo funcione da maneira posible”.