BURELA (FNC) .- A concelleira de Educación e Medio Ambiente, Lucía Bouza, anunciou esta mañá que o Concello xa está a traballar na que será a terceira edición da Semana Europea da Movilidade. A edil explicou que “xa estamos preparando a Semana Europea da Mobilidade que vai ter lugar do 16 ao 22 de setembro, xornada na que se conmemora o día europeo sen coches. Vímolo celebrando dende hai tres anos, o primeiro só celebramos o día sen coches, o segundo xa celebramos toda a semana e nesta ocasión tamén será así”.
Lucía Bouza destacou que “este traballo que vimos facendo ven sendo recoñecido pola organización, xa que no informe que nos remitiron con respecto ás actividades que se fixeron o ano pasado, Burela vén como concello destacado, esto é importante porque en toda Galicia o único núcleo de menos de 10.000 habitantes que aparece como municipio destacado é Burela. Esto é sen dúbida algo que nos fai traballar con máis ganas aínda de cara ao futuro”.
A responsable de Educación e Medio Ambiente lembrou que “o ano pasado realizamos un montón de actividades que serven para incentivar a usar menos o coche ou polo menos a plantexarnos esa idea. Normalmente esas actividades adoitan ter gran importancia entre o público infantil, son os máis participativos, e este ano vamos a centrarnos no público máis novo pero tamén imos realizar actividades para adultos”.
A concelleira engadiu que “interesa moito seguir celebrando esta semana, posto que non só hai que ter en conta as actividades que se realizan, senón que para adherirnos a este programa, sempre temos que presentar un listado de medidas permanentes que son as que quedan aí, para sempre, e as que fan que o pobo vaia mellorando pouco a pouco. Este ano as medidas permanentes que vamos presentar estámolas estudando agora e van ter que ver coa mellora de infraestruturas, referímonos á rebaixa de beirarrúas para favorecer a accesibilidade e todo este tipo de cousas. Tamén estamos estudando algunha campaña para facer un uso responsable do coche con cursos de conducción eficiente que este ano xa fixemos e que seguiremos facendo posto que tiveron unha grande acollida”.