BURELA (FNC) .- A concelleira de Cultura, Neves Cando, anunciou esta mañá que o Concello de Burela participará a vindeira fin de semana no I Certame Nacional de Alfombras Florais que organiza o Concello asturiano de Castropol.
A edil nacionalista afirmou que “unha comisión representante da nosa alfombra floral acudirá esta fin de semana a Castropol para participar no I Certame Nacional de Alfombras Florais que se vai desenvolver na veciña localidade. Este concello convidounos a participar neste certame xunto con outros grupos representativos do mellor do panorama español no tocante á confección de alfombras florais, desta maneira, xunto con Burela, acudirán representacións das alfombras das localidades galegas de Foz e Ponteareas, Llanes e Castropol de Asturias, Sitges de Cataluña e Orotava e Villa de Mazo das Illas Canarias”.
Neves Cando explicou que “este I Certame Nacional de Alfombras Florais de Castropol comezará o sábado 25 coa recepción institucional de tódolos participantes e cunha visita guiada polo casco antigo de Castropol e un paseo en lancha pola ría. Xa o domingo ás 8 da maña comezará a confección das alfombras nos lugares asignados a cada grupo, en representación da súa localidade, e á 13.00 da tarde rematará este traballo coa inauguración institucional do certame”. Cando dixo que “en representación de Burela acudirá un grupo de 10 persoas que elaborarán unha pequena alfombra de 4 por 10 metros, que son as medidas que se adxudican a cada grupo, con motivos alusivos ao noso concello empregando os materiais habituais das nosas alfombras, flores básicamente pero tamén sal tinguido ou café”.
A responsable de Cultura destacou que “será unha honra acudir representando a Burela neste certame que reúne ao máis significativo da confección de alfombras florais, non só do panorama galego senón tamén a nivel estatal, e á vez é tamén un grande recoñecemento ao grande labor que, ano tras ano, centos de persoas de Burela, desenvolven durante meses para elaborar a maxestuosa alfombra que percorre as nosas ruas o sábado das festas”.