Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela convoca a terceira edición dos “Xogos da Costeira” para o 1 de agosto

BURELA (FNC) .- A delegada de Cultura, Neves Cando, anunciou esta mañá que o Concello de Burela está a preparar os III Xogos da Costeira que se desenvolverán o sábado 1 de agosto no marco da Feira do Bonito, “mentras os nosos homes e mulleres preparan o bonito que se degusta pola tarde, antes da sesión vermouth coa que arranca esta xornada de exaltación do príncipe azul, pola mañá disfrutaremos un ano máis desta cita”.
A concelleira de Cultura sinalou que “estes xogos teñen como base unha serie de probas relacionadas coa temática do bonito e serán levadas a cabo polas peñas boniteiras, grupos de dez persoas que estarán capitaneados por un patrón ou patroa. As bases, como outros anos, requiren que as peñas vaian vestidas e identificadas con un estandarte ou pancarta para a ocasión segundo a temática da Feira do Bonito. Premiarase a orixinalidade do vestiario e o colorido. A peña gañadora, despois de tódalas probas recibirá o peso do seu patrón ou patroa en bonito ademais dun trofeo”.
Neves Cando explicou que “as probas comezarán a partir das 11 da mañá e as peñas deberán presentarse diante da organización media hora antes para nomear ao patrón, que será sempre o representante e responsable do grupo. As inscripcións para estes Xogos da Costeira poderanse realizar dende hoxe e ata o día 24 de xullo, na Casa do Concello, na biblioteca ou na Casa da Xuventude”. A edil nacionalista lembrou que “as probas do ano pasado tiveron bó resultado e foron moi participativas e moi vistosas por iso  esperamos repetilas este ano. Fixéramos o tradicional tiro de corda cun bonito como homenaxe, unha carreira de baras de bonito Arranchando para o bonito, unha carreira de remudas na que cada peña arrastraba as típicas caixas do peixe, pescábase bonito e facíase un quebracabezas como última proba”.
A responsable de cultura agarda que “a participación deste ano sexa igual ou incluso maior que o ano pasado e convidamos a todos os grupos que queiran participar nestes III Xogos da Costeira que se inscriban ata o venres día 24 de xullo”.

Exit mobile version