BARREIROS (FNC) .- A concelleira de Cultura, Adela Rodríguez, anunciou as actividades que o Concello de Barreiros acollerá durante os próximos días. Mañá haberá maxia para os máis pequenos, unha charla para saber ligar destinada aos mozos o día 4, a Caixiña de Mistos o mércores 5 de agosto, un obradoiro para mulleres e o sábado día 8, o tradicional Festival do Emigrante.
A edil de Cultura explicou que “a primeira actividade será Segredos dun mago, un acto para nenos e adultos, mañá na Praza do Concello ás 20.30 horas, haberá cadeiras e esperamos, coma tódolos anos, contar coa praza chea de xente. É unha actuación patrocinada polo Xacobeo 2010 e conta coa colaboración do Concello de Barreiros. Logo o día 4 de agosto, na bibliopraia do areal de Coto impartirase a charla para xóvenes de máis de 16 anos, sobre como relacionarse e cómo ligar. É unha actividade organizada polo Servicio Galego de Igualdade, o centro Quérote de Burela e colabora o Concello de Barreiros, os rapaces o pasarán moi ben, terán información gratuíta con proxeccións, música, etc, e as animadoras ofreceranlles moitos coñecementos sobre o tema. O día 5 de agosto, a partir das 11.00 horas da mañá teremos connosco A Caixiña dos mistos, para nenos de 0 a14 anos que poderán ir acompañados dos pais. Haberá diferentes sesións de 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.30. Invito tanto a nenos como ós pais porque é unha actividade feita xa noutros concellos e ten moita acollida. É patrocinada pola Deputación de Lugo e colabora o Concello de Barreiros”.
Adela Rodríquez engadiu que “o día 8 de agosto celebraremos o Festival do Emigrante e ademais pola mañá, na praza do Souto terá lugar a IV Feira Artesanal. O Festival Folclórico Internacional será no campo de fútbol de As Valgas ás 22.00 da noite e este ano os grupos que participan proceden de Sri Lanka, Rusia, Valdepeñas e o Arco da Vella de San Miguel. Para acabar o día haberá unha verbena coa orquestra Lecer. E o día 11 terá lugar o Obradoiro das mulleres, son charlas de temas novos, documentacións que noutro momento non hai posibilidade de coñecer . Será de 18.00 a 20.00 da tarde no Centro Sociocultural de Barreiros e agardamos contar con moitas mulleres do noso municipio”.