BARREIROS (FNC) .- A concelleira de Cultura, Adela Rodríguez, presentou esta mañá as actividades que se van celebrar en Barreiros durante os meses de verán.
A edil explicou que “haberá un Curso de Informática no Centro Social de San Cosme a partir de mañá día 21 de xullo ata o 7 de agosto, celebrarase de luns a venres en horario de 10.00 a 11.30 para adultos e de 11.30 a 13.00 para nenos de 8 a 11 anos. O día 31 de xullo terá lugar na Praza do Concello o espectáculo de maxia Secretos dun mago para un público infantil e familiar, haberá sillas para sentarse e en caso de que chova iríamos para o Centro Social. Xa o 4 de agosto teremos unhas charlas para os mozos de Barreiros e os que nos visitan sobre como relacionarnos e se é sinxelo ligar, será na praia de Coto ó lado da oficina de turismo de 6 a 8 da tarde. En cada sesión, en caso de que houbese moita xente, haberá 20 participantes. Non nos esquecemos dos maiores, e polo tanto, haberá un obradoiro de erótica feminina para mulleres a partir de 25 ou 30 anos o día 11 de agosto, igual, de 6 a 8 da tarde”.
A responsable de Cultura engadiu que “esperamos que todas as actividades sexan de gran interese e convido a todas as persoas a que acudan a gozar destas actividades e aprender un pouco máis aínda que nos pareza que xa sabemos todo”.