RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, sinalou esta mañá que “dende o goberno municipal de Ribadeo, e penso que dende toda a Corporación, se apoia a manifestación que no día de hoxe levan adiante varios sindicatos agrarios en protesta pola situación dramática que está a vivir o sector lácteo galego e que ten un efecto directo na economía da nosa comarca da Mariña, xa que aínda segue tendo moita ligazón a este sector básico, a este sector produtivo como é o sector do leite”.
O rexedor lembrou que “xa na concentración anterior o Concello aprobou por unanimidade unha moción apoiando ao sector que lle diriximos á Xunta de Galicia e máis ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e dende logo, os gandeiros de Ribadeo e os da comarca penso que poden contar unha vez máis co apoio do goberno municipal de Ribadeo, como non pode ser doutra maneira, pero atrévome a dicir que teñen a unanimidade da Corporación Municipal do noso concello”.