SANTIAGO .- O “BIG JUMP” é unha iniciativa da European Rivers Network (ERN) secundada por distintas organizacións europeas. Trátase de celebrar unha xornada festivo-reivindicativa nos nosos ríos para reclamar a súa protección efectiva através da aplicación da Directiva Marco da Auga. Está apoiada por unha manchea de organizacións ecoloxistas e sociais europeas, entre elas ADEGA en Galiza. No noso país, a aplicación da Directiva Marco da Auga leva un escandaloso retraso, e a ameaza das minicentrais semella que rexurde co novo governo na Xunta. O domingo 12 de xullo vai ao teu río, da o chimpo, saca unha foto e mándaa a ADEGA. Colabora con ADEGA e o Proxecto Ríos na defensa dos nosos cursos fluviais.
En 1995, o ecoloxista Roberto Epple convocou a un baño multitudinario en diferentes localidades do río Loira para reivindicar que no ano 2015 a Directiva Marco da Auga sexa unha realidade, e os ríos europeos estén limpos para que o seu uso e desfrute pola poboación non supoña un problema para a súa saúde. Dende entón o “Big Jump” concentrou a milleiros de persoas en centos de ríos de Europa.
Esta iniciativa pretende chamar a atención sobre a necesidade de acadar o bo estado das aguas continentais europeas, tal e como recolle a Directiva Marco del Auga. Esta celebración pretende involucrar á cidadanía na conservación dos ríos mediante unha xornada lúdica.
Dende ADEGA e o Proxecto Ríos queremos facer especial fincapé na ameaza que novamente supón a volta das minicentrais para os nosos cursos fluviais. Reclamamos a aplicación efectiva da Directiva Marco da Auga e a aprobación por parte do governo do Sr. Feijoo do novo Plano Sectorial Hidroeléctrico, cuxa tramitación está case rematada e que entre outras medidas decretaba o punto final para as minicentrais nos ríos galegos, consonte ao espírito da Directiva Marco e da Lei Galega de Defensa dos Ríos.
Participar é moi sinxelo: achegádevos ao voso río este 12 de xullo para facer o “Gran Salto”, tomar unha foto e enviala a ADEGA ( adega@adega.info ), sinalando o lugar, os participantes e as ameazas a agresións que sofre ese curso fluvial.