Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta pecha o colexio Rivera Casas en San Cibrao e fusionao co CEIP de Galdín

SAN CIBRAO .- A Xunta decidiu pechar o colexio Rivera Casás e uneo co colexio de Galdín “aproveitando as instalacións deste último”. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tomou esta decisión “despois de que varios informes de Inspección Educativa recomenden a integración nas instalacións do actual CEIP de Galdín”, afirman.

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA

O CONSELLO DA XUNTA APROBA A CREACIÓN DUN NOVO COLEXIO EN CERVO QUE AGRUPE A TODO O ALUMNADO DE SAN CIBRAO
Este novo centro de infantil e primaria supón a fusión dos centros Rivera Casás e Galdín, aproveitando as instalacións deste último O Consello da Xunta aprobou hoxe a creación do CEIP de Cervo con capacidade para tres unidades de educación infantil e seis unidades de primaria. Este novo centro supón a fusión do Rivera Casás e o Galdín e aproveitará as instalacións, recentemente melloradas deste último. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tomou esta decisión despois de que varios informes de Inspección Educativa recomenden a integración nas instalacións do actual CEIP de Galdín. Este centro conta na actualidade con capacidade abonda para escolarizar todo o alumnado de San Cibrao -142 alumnos- e con todos os requisitos mínimos e legais incluídos os relacionados co acceso e circulación do alumnado con problemas físicos así como os servizos complementarios como transporte e comedor. Ademais, todo o profesorado con destino definitivo nalgún dos dous centros tería posto de traballo da especialidade a que está adscrito na actualidade, coa excepción dunha profesora de música que posúe a especialidade de educación infantil, polo que podería ser adscrita a un posto vacante desta modalidade. Esta reorganización educativa na localidade de San Cibrao obedece a criterios técnicos e permite un mellor aproveitamento dos recursos que redundan nun ensino de maior calidade e atención aos alumnos. Gabinete de Comunicación

Exit mobile version