Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta declara proxecto supramunicipal a liña de alta tensión e a subestación de Ribadeo

SANTIAGO .- O consello da Xunta declarou a implantación da liña eléctrica aérea de alta tensión (L.A.T.) de 132 KV, que transcorrerá polos concellos de Trabada e Ribadeo, e da subestación de Folgosa, situada ao final desta liña, como un proxecto de incidencia supramunicipal, por tratarse dunha infraestrutura de gran transcendencia enerxética que afecta máis dun municipio.

Este proxecto ten como obxectivo mellorar a rede de distribución eléctrica da zona do nordés de Lugo e o abastecemento das necesidades de potencia eléctrica motivadas polo desenvolvemento nos concellos da Mariña.

A declaración destas infraestruturas como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal é o primeiro dos trámites administrativos antes da aprobación definitiva do devandito proxecto polo Consello, que suporá a posta en marcha dunhas obras cun orzamento estimado de 1.301.339,59 euros, no caso da L.A.T., e de 1.103.483 euros, para a subestación de Folgosa, en Ribadeo.

A liña aérea de alta tensión sosterase sobre 43 apoios, cunha lonxitude de 9.354 metros e contará cun sistema de 132 KV de intemperie de simple barra, con dúas posicións de liña e dúas posicións de transformador de potencia, ademais de dous transformadores de medida de barras.

Exit mobile version