Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta anuncia melloras na estrada da costa AC-862 na provincia da Coruña

SANTIAGO .- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de anunciar a adxudicación definitiva de obras de mellora de seguridade vial na estrada AC-862 ao seu paso polos concellos de Ferrol, Neda, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Cedeira, Ortigueira e Mañón. O importe total “da mellora dos 62,1 quilómetros desta estada ascende a 6.594.181 euros”.

REFERENCIA

A Xunta adxudica as obras de mellora de seguridade de máis de 60 qm da estrada Ferrol ata o limite da provincia por case 7 millóns de euros

Esta actuación beneficiará a máis de 10.000 persoas dos concellos de Neda San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Cedeira, Ortigueira e Mañón

Santiago, 1 de xullo de 2009.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Diario Oficial de Galicia, vén de anunciar a adxudicación definitiva das obras de mellora de seguridade vial da estrada que nace na cidade de Ferrol e remata no límite da provincia da Coruña. Concretamente, esta actuación levarase a cabo no treito que discorre entre o quilómetro 7,32 ata o 69,48, é dicir, entre Xubia e o límite da provincia da Coruña. Este tramo viario pertence á estrada AC-862 e forma parte da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia. O importe total da mellora dos 62,1 quilómetros desta estada ascende a 6.594.181 euros.

Esta obra de construción, que levará a cabo a empresa “Ute Construcións Taboada e Ramos S.L. Construcións Rafer S.L.”, ten por obxectivo mellorar o trazado deste tramo da AC-862, polo que se disporán carrís centrais nalgunhas interseccións e habilitaranse lugares para realizar cambios de sentido.

Así, a empresa adxudicataria realizará un reforzo do firme en todo o treito, actuación que implicará a demolición e fresado do mesmo; melloras de varias interseccións deste tramo, coa finalidade de facilitar as operacións de entrada e saída da estrada principal; e procederá a colocación de sinalización, balizamento e defensas.

Tamén se levará a cabo a limpeza das marxes da estrada, a urbanización e reposición dos servizos públicos e a restauración paisaxística da zona de actuación.

Esta mellora de seguridade vial beneficiará a preto de 103.414 veciños dos concellos de Ferrol, Neda, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Cedeira, Ortigueira e Mañón.

Exit mobile version