Site icon Crónica3.com A Mariña

A próxima semana Burela acolle o II Seminario de Jazz e o curso de inmigración e desenvolvemento local da USC

BURELA (FNC) .- O próximo luns día 13 de xullo ás 12.00 horas terá lugar a inauguración do II Seminario de jazz e música moderna organizado pola Delegación de Educación e a Escola Municipal de Música de Burela.

O curso comezará as clases ese mesmo día a partires das 16:00 da tarde e prolongaranse ata o venres. Este ano o seminario ten matriculados case 40 alumnos e goza tamén dun aumento do profesorado xa que se pasa de dous docentes a 5 e polo tanto os participantes poderán adquirir coñecementos de máis especialidades.

Por outra banda, hai que destacar que tódalas noites se celebrarán concertos en distintos bares da vila dende as 22.00 horas:

* Luns 13 de xullo: concerto de profesores na Cafetería Atrezzo.
* Martes 14 de xullo: concerto de alumnos na Cervexaría O Raio.
* Mércores 15 de xullo: concerto de Marosa Jazz Project no Aitana.
* Xoves 16 de xullo: grupo de saxos Estudio Escola na Cervexaría Kiko.
* Venres 17 de xullo: concerto de alumnos na Praza da Mariña.

Curso de verán da USC

Ademais, Burela acolle o curso de verán Inmigración e Desenvolvemento local: as claves educativas e socias da Universidade de Santiago de Compostela.

O seminario que traerá a Burela personalidades de grande recoñecemento no campo da investigación antropolóxica, pretende a formación continuada do profesorado non universitario e terá como obxectivo a análise dos fluxos migratorios no actual panorama da globalización e as súas repercusións, a integración das persoas inmigrantes no ámbito local e trazar as oportunas implicacións socio-educativas da inmigración na vida local de Galicia.

Exit mobile version