NOTA DE PRENSA.
O medio ambiente a debate nunha das mesas sectoriais do Plan Estratéxico
– O estudo revela o peso que ten a riqueza medioambiental en Lugo, xa que dos 72 hábitats existentes en Galicia, 70 localízanse na provincia
– Diferentes axentes socioeconómicos analizan a diagnose pormenorizada da provincia que determinará a redacción do Plan prevista para agosto
O Plan Estratéxico da provincia, que está a elaborar a Deputación en colaboración con Caixa Galicia, celebrou este mércores no INLUDES unha nova mesa sectorial na que se fixo unha análise do medio ambiente na provincia. En total son 21 mesas nas que, desde o mes de maio, os representantes socioeconómicos analizan a diagnose pormenorizada da provincia que se elaborou durante a primeira fase do Plan, e fan as súas propostas.
Na xornada de hoxe púxose de relevo que o medio ambiente da provincia evidencia a importancia dun territorio dentro do marco da rexión bioxeográfica Altántica definido pola Unión Europea. Dita importancia maniféstase no número de hábitats de interese comunitario. Dos 218 tipos en España, 72 están presentes en Galicia e 70 na provincia de Lugo. Esta mesma representación obsérvase entre os considerados prioritarios (71 tipos no ámbito da UE). Neste caso, dos 18 tipos descritos para Galicia, todos eles foron igualmente identificados no ámbito provincial.
Os axentes socioeconómicos explicaron ademais que Lugo é a provincia galega que conta co maior número de prantas nativas. Alberga 1.705 das 2.397 descritas, ocupando sen embargo o segundo lugar depois de Ourense en relación co número de vertebrados nativos con 286 especies. Asimesmo, no caso das especies protexidas pola Unión Europea contabilízanse 50 das 93 recoñecidas a nivel galego.
Na mesa tamén se tratou o estado de conservación da biodiversidade. A análise evidencia a incidencia do cambio global nos ecosistemas lucenses, que supuxeron nas últimas décadas unha diminución moi significativa da superficie ocupada por hábitats naturais, mentres que se incrementan as áreas ocupadas por medios artificiais, e paralelamente o incremento das especies exóticas de carácter invasor. Estas últimas, constitúen hoxe en día, un dos problemas máis acuciantes no mantemento do estado ecolóxico do territorio, afectando tanto a medios acuáticos como terrestres.
A radiografía da biodiversidade da provincia inclúe unha análise das áreas protexidas existentes: a Rede Natura 2000 e a Rede Mundial das Reservas da Biosfera.
Esta é a primeira vez que en Lugo se prepara un Plan Estratéxico que vai afrontar a provincia dun xeito global. Trátase dun documento importante porque recollerán a realidade desta provincia e os seus retos de cara o futuro. Está previsto que o documento estea rematado no mes de agosto. A vindeira mesa celebrarase o 17 de xullo e versará sobre o ferrocarril e o transporte público.