Site icon Crónica3.com A Mariña

A iniciativa “Ribadeo, porta norte” trouxo á Mariña a 400 turistas desde Asturias nos trens de Feve

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, expresou esta mañá a súa satisfacción polo éxito de participación, por segundo ano consecutivo, esta tempada no paquete turístico Ribadeo, porta norte.
O rexedor explicou que “grazas a este programa que é financiado pola Deputación Provincial de Lugo cuns 12.500 euros, os visitantes que veñen de diferentes lugares, Asturias, País Vasco e incluso Madrid ou Valladolid, poden visitar Ribadeo nunha fin de semana a un prezo moi razonable de tan só 124 euros. Neste mes de xuño e as primeiras semanas de xullo, recibimos a unhas 400 persoas que coñeceron o noso entorno e fixeron visitas guiadas pola comarca. Todo isto contribúe a asentar a marca turística de Ribadeo como porta norte e supón tamén unha riqueza para a hostelería e o comercio ribadense que ven como estes turistas pasean, compran e visitan os diferentes establecementos da localidade e ademais levan unha imaxe positiva da nosa vila”.
Fernando Suárez sinalou que “como alcalde quero agradecer a estas 400 persoas que participaron no programa que é dende logo unha experiencia moi positiva, e tamén á Deputación Provincial de Lugo e á Vicepresidencia Terceira que aporta unha cantidade importante para que este programa se poida levar adiante e para que o prezo do billete sexa asequible. Hai que recordar que cos 124 euros os visitantes teñen cuberto o aloxamento, o xantar, as ceas, os desprazamentos, o paseo pola ría, a viaxe a Mondoñedo e o  desprazamento á praia de As Catedrais. O Concello paga o custo que conleva a guía turística que acompaña a toda esta xente para explicarlles máis do noso concello e da nosa comarca da Mariña”.

Exit mobile version