LUGO .- O Pleno da Deputación acordou, a proposta dos grupos de goberno, instar á Xunta de Galicia á creación dun Plan urxente de actuación dirixido a todos os Concellos da provincia para a realización de obras destinadas á creación e mellora de infraestruturas e ó fomento do emprego. Na proposta sublíñase que os Concellos, sobre todo os máis pequenos, están a pasar por unha situación difícil debido á caída de ingresos que incide na menor obra pública contratada e nas menores posibilidades de emprego.
Para paliar esta situación e anticiparse o organismo provincial solicitará á Xunta que adopte iniciativas semellantes a outras como o Plan E posto en marcha pola Administración do Estado, que produciu importantes efectos, non só como instrumento de loita contra o paro, senón tamén como dinamizador das economías locais, xa que na maioría dos casos as adxudicatarias foron empresas da zona. Para anticiparse á saída da crise, a Deputación de Lugo complementou este Plan estatal cun Fondo Extraordinario, finanaciando os gastos de redacción dos proxectos. Ademais, o Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou recentemente o Plan Deputación, un macro-programa dotado incialmente con 20 millóns de euros, e sufragado ó 100% pola Deputación, que creará emprego a través de obra pública e duplicará o investimento ordinario do organismo provincial previsto para os 2 próximos anos.
O Pleno da Deputación tamén aprobou este martes o Plan de Obras do canon hidroeléctrico de Chantada correspondente ó ano 2009 así como o pago da débeda das anualidades 2008-2009 dos outros 15 Concellos afectados. En total estas dúas actuacións suman 5,7 millóns de euros. O equipo de Goberno presidido por José Ramón Gómez Besteiro segue a saldar a débeda da institución provincial con Chantada que se remonta a hai 20 anos, e cumpre o compromiso político asumido cos outros 15 Concellos que non contan cunha sentenza que condene á Deputación. Gómez Besteiro afirmou que “é un feito historico porque a Deputación realizará un plan de investimentos neses 15 Concellos sen esixirlles que renuncien a recurrir se non están de acordo”.
No caso do municipio chantadino, o Plan de Obras 2009 suma 1.649.802 euros e contempla as seguintes actuacións: rexeneración das vías rurais (861.954 euros), desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (30.000 euros), aforro enerxético para as piscinas municipais con fontes alternativas solar e biomasa (155.155 euros) e revitalización de espazos públicos sometidos ó convenio coa Consellería de Vivenda (130.000 euros).
Polo que se refire ós outros 15 Concellos, para os que non hai sentenza pero sí un compromiso político que cumpre o actual equipo de goberno, o Plan de Infraestruturas e equipamento correspondente os anos 2008 e 2009 ascende a 4.065.917 euros. Os Concellos que se benefican do reparto son: O Saviñao (419.026 euros), Taboada (358.858 euros), Paradela (265.590 euros), Portomarín (211.647 euros), O Páramo (151.548 euros), Guntín (161.705 euros), Carballedo (387.398 euros), Pantón (232.476 euros), Ribas de Sil (307.459 euros), Quiroga (339.217 euros), Sober (296.880 euros), Monforte de Lemos (155.398 euros), Pobra de Brollón (157.281 euros), e zona norte (A Fonsagrada e Negueira de Muñiz): 621.427 euros.
Hotel Miño
Por outra banda, o Presidente avanzou que existen varias ofertas de compra do edificio do Hotel Miño por parte de empresas interesadas en diferentes proxectos empresariais En contestación a unha pregunta plantexada no Pleno, o máximo responsable provincial sinalou que o obxectivo é darlle a mellor saída posible para a posta en valor destas instalacións públicas.
Gómez Besteiro afirmou que “o abandono do inmoble é notorio desde hai moito tempo, xa que nos 25 anos transcurridos desde a súa compra pola Deputación, non foi utilizado de xeito permanente para ningún fin público concreto e non se cumpriru o compromiso para o que se comprou: dotar á cidade e provincia de Lugo dunha residencia da Terceira Idade cunha capacidade de 100 prazas”.
Segundo avanzou o titular provincial, no caso de que se opte pola venda da parcela, “a reparación do edificio farase polo comprador de acordo coa finalidade á que adique a instalación, e se se considera calquera outra opción, a reparación tamén estará en relación co destino final deste”.
Outras respostas
Con respecto á estrada de Pobra de San Xiao a Carracedo, Gómez Besteiro anunciou que a Deputación redactará o proxecto de acondicionamento, do treito comprendido entre os puntos quilométricos 0,400 e 2,280, que presenta un estado de deterioro motivado polo elevado número de vehículos pesados que conducen á canteira que hai nas inmediacións.
Por último, o titular provincial tamén se referíu á rescisión do contrato das obras de colocación de ascensores das Casas Consistoriais de Mondoñedo e Lourenzá. Segundo apuntou, debeuse ás carencias que existían no proxecto en cuestións como a toma de terra, a liña telefónica de emerxencias ou a ventilación do oco do ascensor. O máximo responsable provincial dixo que se determinará a procedencia destas obras atendendo a criterios como a súa contía, a súa viabilidade –en función do disposto na lexislación urbanística que atinxe a edificios que poidan ser obxecto de proteccións especiais-, ou a dispoñibilidade orzamentaria.