O vicepresidente, Antón Bao, indicou que na Xunta de Goberno da Deputación desta mañá “xa se procedeu á aprobación do gasto para materializar o convenio co Concello de Riotorto por un importe de 305.331,80 euros, para a ampliación e reforma do pavillón polideportivo municipal”. Isto quere dicir que en breve comezará “o proceso para materializar as melloras que nos demandaron desde o Concello de Riotorto sobre este polideportivo municipal, para convertelo nun pavillón de usos múltiples que permita a práctica deportiva nunhas condicións aceptables e tamén desenvolver alí outro tipo de actividades”.
O alcalde de Riotorto, Gutiérrez Estoa, agradeceu a boa disposición da Área de Deportes, dependente da Vicepresidencia Primeira da Deputación que dirixe o nacionalista Antón Bao, xa que se trata dunhas obras moi necesarias para facilitar e estender a práctica deportiva no concello, pero que sen o apoio e financiamento da Deputación non se poderían levar a cabo.
Estas melloras no pavillón polideportivo de Riotorto enmárcanse dentro do traballo en conxunto que emprendeu a Área de Deportes da Deputación para conseguir que todas as comarcas lucenses posúan unhas instalacións deportivas públicas en correcto uso, que permitan realizar actividades deportivas nas condicións máis axeitadas, para que toda a cidadanía poida facer uso das mesmas.