Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación actualizará o IBI en 18 Concellos da provincia, entre eles Alfoz

LUGO .- A Deputación abre unha nova liña de cooperación cos Concellos coa actualización do Imposto de Bens Inmobles naqueles municipios que se sumen a esta iniciativa. A Xunta de Goberno deste venres acordou a contratación dunha empresa para actualizar os datos catastrais da provincia. O Deputado de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato, destacou que esta iniciativa “beneficiará tanto ós municipios como ós propios veciños. As Entidades Locais deberán aboar un prezo máis baixo que se contratasen eles directamente esta empresa e ademais, coa incorporación de novos edificios, verán incrementados os seus ingresos polo IBI”.

Segundo apuntou Antonio Gato, non se trata dunha inspección, “senón que os contribuíntes farán unha declaración voluntaria. A empresa fará todos os trámites necesarios para dar de alta os seus inmobles no catastro, con custe cero para eles, como as medicións ou a presentación de documentación no catastro. O presuposto aprobado para este contrato é de 200.000 euros.

Polo momento sumáronse 18 Concellos a esta iniciativa, “que está aberta a todos aqueles que estean interesados e que formen parte do novo sistema de recadación provincial”, dixo Gato Soengas. Os Concello son: Alfoz, Baralla, Becerreá, Bóveda, A Fonsagrada, Folgoso do Courel, Guntín, Monterroso, Navia de Suarna, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pontenova, O Páramo, Portomarín, Quiroga, Rábade, Samos e O Saviñao.

Sal para as xeadas e nevadas

O Goberno provincial tamén adxudicou provisionalmente o contrato de subministración de sal para as estradas provinciais por unha cantidade de 64.774 euros. “Somos previsores e xa adxudicamos a compra de sal a comezos do mes de xullo. Esto garantirá que dispoñamos deste subministro nos silos que posúe a Deputación cando comece a haber problemas nas estradas por mor das xeadas e a neve”.

Por último, aprobáronse 16 contas xustificativas dos Plans de Comunidades Veciñais dos anos 2007 e 2008. As obras suman un presuposto de 156.866 euros, dos que a Deputación achega 103.120 euros.

Exit mobile version