Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación acorda apoiar a Cerámica de Sargadelos para asegurar a súa continuidade

LUGO .- O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, informou na mañá de hoxe venres, no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, do acordo tomado pola Deputación de Lugo no que se ratifica o apoio necesario desta institución á Cerámica de Sargadelos de Cervo, para tratar de que as dificultades polas que está atravesando a empresa se superen de xeito que quede garantida a súa continuidade. Este acordo tomouse, segundo Bao “coa finalidade de evitar o peche da empresa debido ao seu carácter representativo para a provincia de Lugo e toda Galiza, tendo en conta ademais o número de traballadoras e traballadores que se verían afectados” se Cerámica de Sargadelos cesase na súa actividade en Cervo.

Este acordo subscribiuse, segundo explicou Antón Bao, logo de recibir a Deputación un acordo da corporación municipal de Cervo no que se solicitaba a intervención das administracións para evitar o peche de Sargadelos. Esta moción que chegou á Deputación fora presentada polo BNG de Cervo e, trala súa aprobación no pleno municipal, foi trasladada ao organismo provincial, que tomou a decisión de ratificar este acordo esta mesma semana para evitar o peche da histórica fábrica de cerámicas, feito que se fai público hoxe. Antón Bao lembrou que Cerámicas de Sargadelos, sumida nun ERE temporal por mor da crise económica actual e o descenso na venda dos seus produtos, “é un modelo empresarial refundado polo galeguismo que durante dous séculos se erixiu como icona dunha cultura, a galega, a través da súa imaxe e traballo na cerámica” pero que ademais de símbolo foi un “importantísimo elemento avivador da cultura propia de Galiza, como dá boa mostra a posta en marcha dunha editorial como Ediciós do Castro, o museo galego de arte contemporánea Carlos Maside, a Escola de Cerámica ou a rede de Galerías”. Non en balde, “Sargadelos erixiuse como unha industria artística que identifica a Galiza no mundo enteiro, constituíndo unha rama importante do noso acervo cultural que debe ser apoiado polas institucións”, sinalou o vicepresidente Antón Bao.

Por estas razóns, xunto á singularidade do traballo manufactureiro que emprega a un número elevado de mulleres, colectivo que por outra banda está máis exposto ao desemprego, Antón Bao considerou que a Deputación obrou, segundo o agardado, tal como a situación o esixía, subscribindo este acordo para “apoiar perante as dificultades un modelo de xestión empresarial e artística tan importante para o pobo de Cervo, Lugo e o conxunto de galegas e galegos”.

Exit mobile version