BURELA (FNC) .- O concelleiro de Industria, Comercio e Turismo de Burela, José González Legazpi, fai unha valoración moi positiva da participación do Concello en Fimo, a Feira Internacional de Mostras do Noroeste que se veu celebrando en Ferrol ao longo dos últimos días. Legazpi considera que “Burela representa o maior exito dentro da promoción turística e gastronómica da 47ª edición de Fimo, certame que acada cada ano máis protagonismo neste ámbito”.
O Concello de Burela, segundo o concelleiro de Turismo, “ven facendo un importante esforzo por acadar cada ano máis protagonismo neste certame, alí presentamos na pasada edición o noso stand, e dotamos de relevancia as presentacións da Feira do Bonito con degustacións, que foron mellorando cada ano, así nesta edición se presentou unha nova forma de preparalo. O pasado sábado foi a xornada adicada a Burela, pola mañá presentóuse a Feira do Bonito que acada este ano a súa XXV edición, e polo serán tivo lugar a degustación que representou un total éxito. É de destacar o que se informa neste senso desde os distintos medios de comunicación que din que outros concellos siguen o exemplo de Burela na divulgación dos seus productos típicos, posicionando deste xeito ao noso Concello como claro referente de promoción turística e gastronómica no certame de Punta Arnela”.
José González Legazpi asegura que a delegación que se desprazou a Ferrol “ven satisfeita polo traballo realizado e porque vemos como os esforzos realizados acadan protagonismo e favorecen claramente a importancia do noso Concello como referente turístico e gastronómico dentro dun espazo feiral da importancia de FIMO Ferrol e a súa transcendencia, que de seguro nos reportará tamén relevancia como destino turístico dentro da comarca da Mariña”.