FOZ .- A Consellería de Cultura e Turismo asegura, a través dunha resposta escrita ao deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2009, elaborados polo bipartito, non contemplan ningunha partida para a construción dun auditorio en Foz e “tampouco existe ningunha cantidade prevista nos orzamentos do presente ano destinada á licitación desta obra”. Deste xeito, a administración autonómica vén a desmentir as afirmacións realizadas polo rexedor municipal que asegurou que o departamento autonómico que dirixía a nacionalista Teresa Táboas tiña previsto achegar o investimento preciso no presente ano para a dotación desta nova infraestrutura cultural neste concello.
Ante a magnitude da falsidade das afirmacións realizadas polo primeiro edil do Concello de Foz, o deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol rexistrou a iniciativa parlamentaria que da lugar a esta resposta oficial e por escrito do actual Goberno Galego. Segundo Balseiro, o rexedor de Foz, coas súas afirmacións non veraces pretendía disimular o esquecemento que, durante a pasada lexislatura, caracterizou a relación entre o Goberno amigo (da mesma cor política) de Santiago respecto de Goberno municipal de Foz e, o que aínda é moito máis grave, a incapacidade do titular do Concello de Foz de lograr que a Xunta bipartita acometera gran parte dos proxectos pendentes neste concello.
No seu momento Balseiro xa adiantou que o ben Jose María García Rivera estaba a “mentir ou ben estaba desinformado”. Calquera das dúas posibilidades, amosaban grande imprudencia por parte do rexedor socialista. A maiores, o deputado popular tamén salientou que tanto PSOE como BNG votaron en contra dunha emenda do PP que pretendía incorporar o investimento necesario para que no 2009 puidera levarse a cabo a construción deste auditorio, isto é rexeitaron aquilo que agora veñen a reclamar.