NOTA DE PRENSA (FNC)
NEVES CANDO CRITICA AO PP POR NON APOIAR NO PLENO DE ONTE QUE SE DOTE AO CENTRO DE SAÚDE DE BURELA DUNHA MATRONA. A TENENTE DE ALCALDE DI QUE OS POPULARES ANDAN DESORIENTADOS E SÓ INTERESADOS NAS DESCALIFICACIÓNS POLÍTICAS E PERSOAIS.
Burela, 26 de xuño de 2009. A tenente de alcalde, Neves Cando, asegura que “unha vez máis se puido ver que o PP anda moi desorientado, moi fora da realidade e só interesado nas descalificacións políticas e persoais”.
No pleno de onte aprobóuse por unanimidade a adhesión do Concello de Burela ao convenio marco entre a Consellería de Medio Ambiente e as entidades xestoras da recollida de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos. Tamén se aprobou cos votos a favor do bipartito e a abstención dos populares a creación dunha comisión encargada de valorar e premiar ós solares e hortas do concello que estean mellor cuidados.
Dous asuntos foron a pleno pola vía de urxencia. Un foi a ratificación por unanimidade do acordo de 30 de marzo de 2006 no que se pedía a Fomento que o trazado do Corredor Barreiros-San Cibrao “pasase polo sur do noso concello para que non nos hipoteque tanto no aspecto urbano como no socioeconómico”, explicou Neves Cando. Na sesión de onte tamén se aprobou por unanimidade da Corporación o apoio do Concello de Burela para o mantemento dos postos de traballo e a continuidade da empresa Gres Burela así como a intermediación ante a Xunta de Galicia.
Neves Cando engade que “sen embargo o PP non quixo apoiar unha moción nosa que reclama á Consellería de Sanidade que se dote ao centro de saúde de Burela dunha matrona para que se cubran as demandas de saúde das mulleres do noso concello na sanidade pública, que é a que ten que facelo e que así Burela teña esta profesional no noso centro de saúde como tamén xa a hai en Ribadeo, en Viveiro ou en Mondoñedo. Pero para o PP de Burela este tema non é digno de consideración, esa historia como o calificou onte o Sr.Barcia no pleno non é fundamental para eles e as nais xestantes do noso concello non merecen o apoio do PP para reclamar esta matrona na sanidade pública. Nós sí o imos facer e nese sentido nos imos dirixir á Consellería de Sanidade para que, en función das directrices que xa están marcadas pola propia consellería, se dote da profesional correspondente a esa praza de matrona que xa existe, pero que non está cuberta no centro de saúde de Burela”.