CERVO .- As festas patronais da Virxe do Carme e da Maruxaina de San Cibrao contan con máis dunha vintena de persoas que colaborarán na súa organización. Baixo a dirección de José Ramón Soto Martínez ao longo desta semana véñense celebrando diversas xuntanzas da Comisión Organizadora na que tamén participan Diego Campo, Teresa Mesa, Toñi López e María Teresa Rouco como coordinadoras das distintas actividades. “ Son homes e mulleres comprometidos co seu pobo que amosan unha boa disposición para que as festas deste 2009 saian adiante o mellor posible”
Malia o curto prazo de tempo que queda para a primeira das citas festivas, -a celebración das festas patronais na honra da Virxe do Carme a mediados do vindeiro mes- a organización espera traballar arreo para que sexan dignas. Nese obxectivo, reclaman a colaboración de todos os veciños, empresas, comerciantes e hostalería para que, a pesares dos tempos de crise, poida lograse unha boa recadación que se destinará de xeito íntegro á organización das festas. Non descartan tampouco desenvolver actividades novas como rifas ou sorteos que animen á participación da xente. En todo caso subliñan que a cita neste año estará caracterizada pola austeridade, “que non está rifada coa ilusión e o divertimento”
Desde o Concello de Cervo bríndanlles todo o apoio e colaboración que, na medida das súas posibilidades, tanto a nivel económico como a través da axuda loxística, poidan servir para o correcto desenvolvemento das distintas actividades. Agradecen dun xeito especial ao presidente e, a través del, ao resto dos integrantes da Comisión de Festexos a participación desinteresada nesta organización pois, son conscientes de que moitas veces é un traballo ingrato, que esixe certo sacrificio persoal, de tempo libre e de tempo de estar coa familia ou os amigos.