Site icon Crónica3.com A Mariña

Cursos da Rede de Dinamización en Burela sobre desenvolvemento da actividade económica e empresarial

BURELA .- O Concello de Burela e a Rede de Dinamización da Sociedade da Información presenta o seu programa para o mes de xuño en Burela. A Rede de Dinamización da Sociedade da Información axudará a levar a cabo actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información. A Rede conta con 51 dinamizadores e dinamizadoras, espallados pola xeografía galega en diferentes entidades, que desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e otros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co concello de Burela, anuncia novos obradoiros de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de xuño no Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Burela. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:

“Creación dunha conta correo electrónico”: con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este obradoiro, sexa capaz de crear e xestionar a súa propia conta de correo electrónico. Desenvolverase de luns a venres, do 3 ao 12 de xuño, de 10 a 11 horas.
“Presentacións: Impress”: pretende capacitar aos usuarios/as para que sexan quen de crear unha presentación co OpenOffice Impress. Realizarase de luns a venres, do 3 ao 16 de xuño, de 11 a 12 horas.

“Iniciación á Informática: Linux”: ao rematar este obradoiro o usuario/a será capaz de manexar con certa soltura os obxectos e funcionalidades básicas que ofrece un computador, neste caso usando un sistema operativo baseado en software libre. Vai ter lugar do 9 ao 24 de xuño, de luns a venres, de 9 a 10 horas.

“Folla de Cálculo: Calc”: con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este obradoiro, sexa capaz levar as súas contas da casa, do traballo, da comunidade, etc. de xeito básico e mediante a aplicación de follas de cálculo OpenOffice Calc.

Desenvolverase de luns a venres, do 17 ao 30 de xuño, de 11 a 12 horas.
Asemade, está prevista a realización da charla “Presentación da iniciativa Memoria dos Oficios”. Esta, que terá lugar o día 15, ás 10 horas, no Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Burela, consistirá en presentar a próxima iniciativa que vai realizar a Rede na vila pesqueira.

Para inscribirse ou para solicitar máis información poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Burela, sito na Casa da Xuventude do concello ou mandar un correo electrónico ao enderezo: roberto.burela@dinamiza.sociedadedainformacion.eu

Exit mobile version