Un, lendo os papeis de “Diestra e siniestra” esta semana saca en conclusión que os políticos profesionais non saben como funciona o sistema para o que en teoría traballan e non se salva nin un, síntoo:
O que se votou fai unha semana foi a composición do Parlamento, lean despaciño, EU-RO-PE-O. Un que está en Estrasburgo uns dias e outros en Bruxelas e onde hai moita xente que fala raro… Sóalles? Xa? Vánseme situando? Ben.
Agora, sobre a moción de censura que o PP e Conveniencia e Unión queren formular a Zapatero. Teño que informalos de algo que non lles vai gustar:
As mocións de censura formúlaas a oposición. A composición do Congreso dos Deputados, ese cos dous leóns rampantes que está na Carreira de San Xerónimo de Madrid, que eu saiba non variou de onte a hoxe. Insisto: o que votamos foi a composición do Parlamento, repitan comigo, Euuuuropeeeeeo. O de Madrid segue como ata agora, onde o deixamos hai dous anos e un par de meses.
Convócanse eleccións ao Parlamento Europeo. E os partidos da dereita na oposición pretenden montarlle unha moción de censura ao Presidente no Congreso dos Deputados, en Madrid, onde a composición segue sendo a mesma dende que o deixamos o venres. Por que? Non teñen GPS? Non saben diferenciar Madrid de Estrasburgo? Non teñen nin idea do que votaron o domingo? Que os fai pensar que se formulan unha moción de censura, a gañarían, se a composición do Parlamento e os apoios ao goberno permanecen igual?
Esixirlle ao Presidente que se someta a unha moción de confianza? Outra parvada igual. As mocións de censura proponas a oposición, e teñen a peculiaridade de que teñen que presentar unha alternativa. Oooooh! Pequeno detalle: o PP só podería contar, como moito, co apoio de parte do grupo mixto (UPyD e Coalición Canaria) e talvez de CiU (que xa lle dixeron que vai ser que non: méxome cando leo que Duran i Lleida anima a Rajoy a presentar unha moción de censura, para a liña seguida dicirlle que non conte co seu voto e que os converxentes se absterán…), e xuntos non suman. O resto de grupos da cámara témome que nin fartos de viño lle dan o seu apoio a Rajoy: entre susto ou morte, elixirán a Zapatero sen dubidar.
A moción de confianza, en cambio, é a instancias do propio Presidente do Goberno, á que se somete por vontade propia. Por moito que o PP llo esixa, non pode obrigalo, así que é normal que Leire Pajín lles diga que se tanto interese teñen, que sexan eles os que presenten a moción de censura. O resultado, nun caso ou noutro, ía ser o mesmo: os apoios parlamentarios de Zapatero non variaron de onte a hoxe. Tanto se CiU e PP se unen e presentan unha moción de censura contra Zapatero, coma se o propio Zapatero, máis chulo que un submarino debaixo dunha billa, decide presentarse a unha moción de confianza, o resultado vai ser o mesmo, porque a composición do Parlamento non cambiou.
A ver, sexamos claros: se CiU e PP se senten o suficientemente encoraxados como para gañar unhas eleccións en vista dos resultados que obtiveron ao Parlamento Euuuuropeeeeeo (a ver se a forza de repetilo, lles queda claro), que se deixen de mariconadas, falen claro e pidan ELECCIÓNS ANTICIPADAS. A fin de contas, o resultado vai ser o mesmo: un rotundo NIN DE COOOOOOÑA!! por parte do Goberno, pero polo menos así a cidadanía entenderíaos máis doadamente.