RIBADEO (FNC) .- O concelleiro de Economía, Vicente Castro, asegura que os orzamentos de 2009 van moi axustados, e que aínda que poderán producirse modificacións o marxe de manobra será máis ben pequeno. O proxecto de orzamentos elaborado polo equipo de goberno foi analizado onte na comisión informativa de facenda e contas celebrada no Concello. Segundo explica, Vicente Castro, “tratouse dunha xuntanza máis ben informal na que se presentaron as liñas mestras dos presupostos, traballando sempre sobre un borrador que pode ser sometido a modificacións. Fíxose unha exposición de pinceladas sobre datos básicos por partidas xerais e agora quedouse en que os diferentes grupos da oposición presenten propostas, posibles modificacións… que poidan ser estudadas na próxima comisión do orzamento”.
O edil nacionalista sinala que “pretendemos o máximo aforro do gasto corrente, ben esgotando ao máximo a vía subvención doutras administracións ou ben apertando o cinto para reducir gastos en todo aquelo que se poida… porque hai outras partidas que lonxe de reducirse se ven incrementadas como é o caso dos custes de consumo de electricidade, por exemplo. Dito custe o ano pasado experimentou unha forte subida que foi xeral e aínda que tomamos medidas para reducir o consumo este ano polo sistema de colocación de reloxos para o apagado parcial de alumeados nocturnos, a pesares de todo a forte subida do ano pasado supón un incremento aínda para o exercicio actual”.
Dúas comisións máis
Vicente Castro considera que “extrapolar datos sería prematuro dado que é un presuposto que pode ser sometido a modificacións. Esperamos ter dúas comisións, unha previa de estudo e outra definitiva antes de ir a pleno o presuposto, onde si agardamos chegar a acordos. O presuposto pode ser sometido a modificacións, pero bastante limitadas dado o axuste na maioría das partidas e porque ademais os ingresos tamén son limitados de cara, sobre todo, á inversión”.
O proxecto de presupostos municipais para este 2009 ascende no seu capítulo de gastos a 8.900.000 euros, o que supón un descenso duns 450.000 euros con respecto aos orzamentos de 2008.