Site icon Crónica3.com A Mariña

Os grupos de goberno de Burela piden a Sanidade unha matrona para o centro de saúde

BURELA .- Os grupos municipais do PSOE e do BNG levarán unha moción ao pleno da vindeira semana na que instan á Xunta de Galicia a dota dunha matrona ao centro de saúde de Burela. Neves Cando, a edil de Benestar Social e Igualdade, sinala que “na actualidade a atención que as mulleres prestan ao control da súa saúde fai necesario que por parte das autoridades sanitarias se dote adecuadamente aos centros de saúde con profesionais capacitados, co obxecto de que as mulleres poidan encontrar alí resposta ás súas demandas, tanto na educación sanitaria como no control dos procesos reprodutivos”.

Desde as Delegacións de Benestar Social e Igualdade e Sanidade “estamos interesadas en cubrir adecuadamente este demanda e esta necesidade. Xa hai tempo a través do Centro de Información ás Mulleres estamos subvencionando cursos de educación maternal ás mulleres xestantes desde o sexto mes de embarazo ata o final da xestación, e tamén participamos en eventos que se realizan a favor da lactancia materna prestando instalacións a estes grupos de apoio e proporcionando o ámbito necesario para desenvolver as súas actividades”, segue a relatar Neves Cando. A edil nacionalista engade que “ainda que esta faceta está parcialmente cuberta no noso Concello, cremos necesario que o centro de saúde de Burela se dote dunha matrona e así, como está previsto no plan de atención á muller da Consellería de Sanidade, non se produzan diferencias no territorio galego neste aspecto. E ainda que no noso concello se ubica o hospital comarcal da Costa as súas funcións asistencias están máis orientadas ao tratamento de enfermedades e actos quirúrxicos que á educación á orientación sanitaria e á prevención específica das mulleres”.

Neves Cando considera que “a presenza unha vez á semana da matrona do hospital no centro de saúde non nos parece suficiente. Por este motivo presentamos esta moción para que sexa aprobada no pleno, instando á Consellería de Sanidade para que se dote ao centro de saúde de Burela dunha matrona para que, en cumprimento das súas funcións profesionais como son a detección precoz e seguimento do embarazo, a educación maternal para o parto, as visitas e revisións postparto, a educación grupal de saúde das mulleres, a atención á menopausia,… se cubran adecuadamente as demandas de saúde das mulleres do noso concello na sanidade pública que é a que se ten que ocupar disto e equiparalos ao resto do territorio galego que xa conta con este servizo de matrona de xeito habitual desde hai moitos anos”.

Exit mobile version