BURELA (FNC) .- Hoxe presentouse no Concello de Burela o II Seminario de Jazz e Música Moderna que organizan a Delegación de Educación e a Escola Municipal de Música. O seminario celebrarase do 13 ao 17 de xullo.
Lucía Bouza sinalou que “o I Seminario de Jazz superou, en todos os sentidos, as expectativas agardadas. Aínda que era a primeira vez que se realizaba un curso destas características en Burela, houbo un importante número de matriculacións, non só de Burela, senón tamén doutros lugares da Mariña. Tamén colleitaron grande éxito os concertos de alumnos/as e profesores que se desenvolveron ao longo de toda a semana en varios bares da vila”. A edil socialista engadiu que “por estes motivos, aínda son maiores as expectativas postas na segunda edición deste Seminario, que incrementou o seu orzamento nun 50%. Isto verase reflectido no profesorado (se no 2008 contábamos con 2 profesores, este ano teremos 5, o que significa que incrementaremos o número de especialidades a impartir e tamén o número de grupos de traballo) e tamén nos concertos (este ano, ademais dos concertos de alumnos, haberá tamén varios grupos a maiores, como son Marosa Jazz Project e o grupo de saxos Estudio Escola)”.
Prestixiosos profesionais
Bouza subliñou que o II Seminario de Jazz e de Música Moderna “bríndanos o privilexio de poder ter en Burela a algúns dos mellores profesionais de Galicia e de España no mundo do jazz. Todos os profesores proceden da prestixiosa Estudio Escola de Música de Santiago de Compostela e son: Leo Giannetto (voz e guitarra), Quique Alvarado (baixo), Miguel Cabana (batería e percusión), José Nine (frauta e saxo) e Javier Constela (piano). Cos dous últimos xa tivemos a sorte de poder contar no 2008 e gustaríame aproveitar para agradecerlles a súa excelente disposición con este seminario e tamén o bó ambiente que conseguiron xenerar entre os asistentes ao curso”.
Por outra banda, os concertos que se celebrarán nos distintos bares da vila ás 22:00 horas ocuparán todas as noites da semana na que se celebra o seminario:
* Luns 13 de xullo: concerto de profesores na Cafetería Atrezzo
* Martes 14 de xullo: concerto de alumnos na Cervexaría O Raio
* Mércores 15 de xullo: concerto de Marosa Jazz Project no Aitana
* Xoves 16 de xullo: Grupo de saxos Estudio Escola na Cervexaría Kiko
* Venres 17 de xullo: concerto de alumnos na Praza da Mariña
A concelleira de Educación aproveitou “para agradecer o interese e a colaboración mostrada por todos estes bares, que axudan a crear un vivo e dinámico ambiente musical en Burela durante toda a semana. Non quero rematar sen agradecer aos coordinadores, Israel Arranz e Roberto Bouça, o seu traballo incansable neste Seminario, traballo que, sen dúbida, é xa unha garantía de éxito”.