Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide que Portos de Galicia baixe taxas pola ocupación de terreos

Nota de Prensa

A través dunha iniciativa parlamentaria, preguntará a Portos de Galicia sobre as súas previsións para a simplificación e adecuación á realidade presente do modelo fiscal nas instalacións portuarias de competencia autonómica

O PPdeG INTERÉSASE POLA REDUCIÓN DAS TAXAS QUE DEBEN PAGAR OS PROFESIONAIS DO MAR POLA OCUPACIÓN DE TERREOS NOS PORTOS

•    O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, considera que esta medida suporía “unha importante axuda aos profesionais da pesca e o marisqueo, que están a afrontar nunha situación de maior debilidade a actual crise económica”.

Santiago, 6 de xuño de 2009.- O Grupo Parlamentario Popular de Galicia plantexará á entidade pública Portos de Galicia o seu interese pola redución das taxas que deben pagar os profesionais do mar pola ocupación de terreos nos portos polo uso neles de casetas e outras instalacións empregadas para gardar aparellos e outros recursos de uso habitual no seu traballo.

A través dunha iniciativa parlamentaria presentada polo portavoz, Manuel Ruíz Rivas, e o voceiro do Mar, José Manuel Balseiro, o Grupo preguntará a Portos de Galicia sobre as súas previsións para a simplificación e adecuación á realidade presente do modelo fiscal nas instalacións portuarias de competencia autonómica.

O obxectivo da iniciativa é contibuír a paliar a difícil situación dos homes e mulleres do mar que, sobre todo en sectores como o da baixura ou o marisqueo, están a vivir un período de especial incerteza en canto aos ingresos que xera a súa actividade. Nese sentido, o portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, considera que esta medida suporía “unha importante axuda aos profesionais da pesca e o marisqueo, que están a afrontar nunha situación de maior debilidade a actual crise económica”. Unha circunstancia que “esixe das Administracións Públicas que traballan ao servizo de todo este amplo colectivo un esforzo suplementario e un compromiso máis forte para con cada unha destas persoas”.

Deste xeito, o PPdeG preguntará tamén a Portos de Galicia sobre as xestións que ten previsto desenvolver para aliviar o complicado e excesivo sistema burocrático actual que caracteriza a este Ente Público autonómico. Igualmente, pedirá a valoración da Xunta de Galicia respecto da contribución destas medidas ao estímulo da actividade portuaria, beneficiando aos homes e mulleres do mar e contribuíndo a mellorar a situación das súas economías familiares.

Exit mobile version