RIBADEO (FNC) .- A situación económica do Concello de Ribadeo mellorou no ano 2008, segundo o edil de Economía e Facenda, que resposta así ás críticas verquidas nas últimas horas desde UPRI. Vicente Castro asegura que “as declaracións do Sr.Rivas son totalmente falsas e aporta datos que di que son oficiais, pero non sei de onde os puido sacar. Son datos totalmente manipulados e falseados e a menos que pertenzan a outro concello non son reais. Falando con datos oficiais diante, a débeda, que él di que pasou de 2 a 5 millóns de euros de 2007 a 2008, é pintoresco, parece unha novela kafkiana. Os datos oficiais do peche de 2007 recollen que a débeda ascendía a 4.729.000 euros, pechado o exercicio, e de 2008 non hai datos oficiais de peche porque non está pechado o ano e presentada a conta oficial aínda que moi pronto estará”.
O edil nacionalista explica que “consultando coa intervención do Concello os datos apuntan que esa débeda rondará os 4.800.000, co que a diferencia entre o 2007 e o 2008 sería duns 100.000 euros e non dos tres millóns de euros dos que fala UPRI”. Castro considera que “hai que ter en conta unha particularidade que é que no 2007 a liquidación da recadación de tributos da Deputación recibiuse en outubro ou novembro dese ano e xa se fixeron pagos antes de rematar o ano e esto non ocorreu no 2008. A liquidación da Deputación chegou neste 2009 que foi cando realmente se fixeron os pagos. Eso faime pensar que a situación lonxe de empeorar mellorou, non o pUido aseverar porque non teño datos concretos e oficiais, pero creo que os datos lonxe de empeorar melloraron. O Sr.Rivas debe contar, antes de saír á opinión pública, con datos reais, verídicos e oficiais saídos desde este Concello. O resto é todo tratar de manipular e de confundir á xente, porque sempre algo queda do que se calumnia”.
Rectificación
O concelleiro de Economía e Facenda subliña que “pronto presentaremos as contas de 2008 e nelas se poderá observar a mellora que se realizou neste concello en materia de facenda desde que entrou este goberno. Evidentemente non pUido anticipar datos oficiais, téñoos oficiosos e non considero oportuno dalos ata que sexan oficiais. Cando se presente a conta do Concello espero que o Sr.Rivas rectifique todas estas declaracións. Creo que os números cantan e cantarán cando estean á vista e estarán á vista de toda a opinión pública e de todos os concelleiros da Corporación”.