CERVO .- A edil de Cultura e Xuventude do Concello de Cervo, Chelo Gallego vén a saír ao paso das declaracións efectuadas desde o Grupo Municipal Socialista coas que pretendían sementar incerteza respecto da celebración das festas estivais na localidade de San Cibrao. O Concello de Cervo garante que, tanto as festas patronais como a cita de interese turístico galego A Maruxaina, terán lugar tamén este ano “sen ningún tipo de dúbida e como non podería ser doutro xeito”. De feito a titular do departamento de Cultura explica que xa están a traballar para perfilar aquelas actividades que, dentro do programa das festas patronais están directamente organizadas polo Concello. Máis en concreto explicou que haberá un pasarrúas moi especial “que transformará San Cibrao nun territorio pirata”, grazas á colaboración da actual Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e tamén se perfilan as tradicionais veladas de teatro, que cada ano teñen lugar nesta localidade
OS VECIÑOS NO PESO DA ORGANIZACIÓN
“Este Grupo de Goberno sempre valorou como algo positivo que sexan os propios veciños quen organicen, impulsen e promovan as festas de cada localidade. O Concello de Cervo colabora coas distintas comisións organizadoras neste obxectivo e manifesta publicamente o seu compromiso de seguir facéndoo. Se ben é certo que neste momento a Comisión de Festas do Carme e Maruxaina decidiu que había que renovar os seus membros, desde o Concello de Cervo estamos a manter contactos con distintos colectivos culturais e asociacións para que poidan involucrarse na organización”. En calquera caso, as circunstancias de crise económica obrigan a que este tipo de actividades teñan que desenvolverse de acordo co principio de austeridade que non ten por que estar rifado coa calidade e ou co máximo divertimento de todos os veciños.
O PSOE SEMENTA INCERTEZA, PERO NON COLABORA
Chelo Gallego lamenta que o PSOE de Cervo se estea a converter nunha organización política que busca protagonismo nos medios difundido rumores, pábulos e incertezas sen ningún tipo de fundamento. “Pero canto toca traballar e arrimar o ombreiro, agochan a cabeza e non son capaces de achegar as axudas que están a outorgar para actividades similares noutros concellos desde a Deputación. Todo iso pese a telas solicitadas os propios organizadores.”
A edil de Cultura amósase convencida de que Lara Méndez discrimina dun xeito deliberado e consciente ao seu pobo, “porque aínda non asumiron que elección tras elección os veciños non amosen o seu apoio aos socialistas”. Seguramente en vez de criticar o que deberan facer e adiantar o que ata o de agora veñen negando desde a Deputación e, no seu momento, desde a Xunta bipartita en beneficio das distintas Comisións de Festas. “Que o PSOE e as administracións que eles xestionan ou xestionaron non se estaban a comportar como uns aliados o saben ben os homes e mulleres que se esforzan por organizar un conxunto de actividades para o goce de todos os veciños”- asegurou a concelleira de Cultura e Xuventude