BURELA (FNC) .- O Concello ratificará esta tarde no pleno ordinario que se celebrará a partires das 20:00 horas a súa oposición ó trazado previsto para a autovía Barreiros-San Cibrao porque partiría en dous o municipio. O alcalde, Alfredo Llano, explica que “aproveitando o pleno ordinario que temos hoxe incluimos un punto pola vía de urxencia para ratificar un acordo unánime da corporación para alonxar o máximo posible de Burela a autovía que unirá San Cibrao con Barreiros”.
O rexedor considera que “temos que insistir e dicir con toda claridade que o Concello o que quere é ese corredor o máis lonxe e si é posible que pase por detrás do Monte Castelo para que non lle afecte ó desenvolvemento natural do noso concello. Trataremos de presentar alegacións para que nos teñan en conta porque os intereses de Burela se ven moi afectados con este trazado”. Llano anuncia que “imos contactar coa asociación de montes e coa asociación de veciños e outras entidades que poidan estar interesadas en manter a mesma postura que o Concello de Burela. Hai que procurar que de forma global esa autovía faga un bó servizo a toda a Mariña e que non afecte de xeito negativo a ningún dos concellos implicados, e con ese carácter de urxencia levamos o asunto ó pleno esta tarde, e despois temos o prazo dun mes para consensuar e preparar as alegacións que imos presentar”.
Nas últimas horas o Ministerio de Fomento facía público o trazado proposto para este vial. Alfredo Llano lembra que se trata dun estudio “de aí que sexa o momento de presentar alegacións”.