BURELA (FNC) . O pleno de Burela acordou por unanimidade ratificar o acordo de 30 de marzo de 2006 “no que se pedía desviar o corredor Barreiros-San Cibraro ó máximo cara o sur do concello para que case non afectase a este municipio. E é o que defendemos e defenderemos de novo”, segundo explica o alcalde Alfredo Llano.
O corredor foi a pleno pola vía de urxencia ó igual que o apoio demandado ó pleno por parte dos traballadores de Gres Burela. O rexedor sinala que “pedían o apoio para defender os seus postos de traballo e a continuidade da empresa e consideramos que o IGAPE podería aportar fondos para manter tanto a firma como os seus empregos, sobre todo nos tempos que corren. Ademáis decidimos crear unha comisión de seguimento para ver como vai evolucionando dita cuestión para poder botarlles unha man en canto sexa necesario e existan posibilidades”.
No sesión celebrada onte en Burela aprobouse por unanimidade a adhesión do Concello de Burela ao convenio marco entre a Consellería de Medio Ambiente e as entidades xestoras da recollida de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos. O alcalde, Alfredo Llano, asegura que “tratamos eses residuos como si fosen urbanos de tal xeito que apoiaremos ás familias e ás pequenas e medianas empresas na súa recollida, porque as grandes empresas que manexan un grande volume destes aparellos xa se considera que eles deben ser os encargados de reciclalos. O que faremos será aportar un espacio no punto limpo para a súa recollida”.
Mocións
Tamén se aprobou cos votos a favor do bipartito e a abstención dos populares a creación dunha comisión encargada de valorar e premiar ós solares e hortas do concello que estean mellor coidados. Sobre as mocións que se debateron no pleno, Llano di que “se presentaron tres. Unha para o adianto dos pagos para subvencións de entidades deportivas, culturais e asociacións de veciños. Esa moción foi rexeitada polo bipartito e outra que presentou o PP relativa ó espigón da Marosa que foi aprobada por unanimidade. Votamos a favor porque alí xa se está a traballar e foi aprobada cos votos do bipartito e a abstención do PP a moción mediante a que se insta á Consellería de Sanidade a dotar dunha matrona ó centro de saúde de Burela”.