Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela mellorará o regulamento do Servizo de Axuda no Fogar

BURELA (FNC) .- Mañá xoves someterase a aprobación no pleno do Concello de Burela un novo regulamento do servizo de axuda no fogar “para modificalo e adaptalo á nova orde que regula este servizo en Galicia”, segundo explica a tenente de alcalde e concelleira de Benestar Social. Neves Cando fala das novidades importantes que suporá “como a inclusión de toda a casuística derivada de toda a lei de dependencia e a atención a esas persoas xa valoradas e co plan individual de atención xa resolto. Incluímos tamén unha serie de normas de funcionamento na relación usuario-traballador e un réxime disciplinario para os traballadores que antes no existía”.

A edil nacionalista subliña que o máis destacado “é o que se refire ao prezo pola prestación deste servizo, algo que tamén se aprobará na ordenanza correspondente do pleno deste xoves. A adaptación á nova orde de axuda no fogar de Galicia fai cambiar o cálculo que por este servizo terán que pagar os usuarios. Se antes estes cálculos económicos se facían sobre o salario mínimo interprofesional, agora vanse facer sobre o IPREM (Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples) que ao ser máis baixo que o salario mínimo suporá importantes melloras económicas para as persoas que reciban este servizo de axuda no fogar”. Neves Cando pon como exemplo que “unha persoa que antes dispuxese de 20 horas ao mes de axuda no fogar e que tivese uns ingresos de 1.000 euros aboaría por dito servizo 90 euros ao mes e agora esa persoa con este novo regulamento e os novos prezos pagará polo mesmo servizo 27 euros ao mes. Esto permitirá tamén, e sen que aumente o que se pagaba con anterioridade, que os usuarios que xa disfrutaban deste servizo poidan dispoñer de máis horas de axuda se así está contemplado no seu programa individual”.

A responsable de Benestar Social asegura que “desde os Servizos Sociais tamén estamos traballando para ampliar este servizo de axuda no fogar ás fins de semana, ampliar con máis traballadoras e poder ofrecer outros servizos complementarios”.

Exit mobile version