Site icon Crónica3.com A Mariña

O Centro Dramático Galego trae a Ribadeo o domingo a obra “As Dunas” de Manuel Lourenzo

RIBADEO (FNC) .- O domingo 7 de xuño chega ao Auditorio de Ribadeo o Centro Dramático Galego coa obra As dunas, escrita por Manuel Lourenzo e dirixida e reinterpretada por Quico Cadaval. A directora do CDG, Cristina Domínguez, sinala que “neste espectáculo o escritor indaga e busca neses paraísos perdidos da súa infancia que teñen que ver coa Mariña luguesa e en concreto coa Mariña Oriental que é a zona onde imos facer a representación. Aí coloca a un grupo de artistas de todo tipo de disciplinas, de teatro, de música, de danza, de cabaret… que se xuntan nun pobo a preparar a inauguración dun spa musical que é o último soño dun construtor da zona que se adica a poboar a costa de grandes edificios”. Domínguez segue a relatar que nese soño “planta un castro celta en Ribadeo ben pretiño da praia cun spa musical cultural. E a partires de aí suceden unha chea de peripecias que son un pouquichiño o retrato da nosa sociedade de hoxe en día vista por un dramaturgo con toda a reputación e a carga cultural que ten Manuel Lourenzo e revista polos ollos tan orixinais dun director como Quico Cadaval”.

Ribadeo será o único lugar da Mariña no que se verá a obra do Centro Dramático Galego. A súa directora di que “hai moitas referencias a Ribadeo e seguro que vades a entender moi ben o que este espectáculo quere contar”. Estas son as últimas funcións de As Dunas que xa pasou por A Coruña, Ourense, Vigo, Santiago, estivo en todos os espazos CDG e tamén viaxou a Vilarreal en Portugal. A súa seguinte parada despois de estar en Ribadeo será Ferrol. Cristina Domínguez di que “tivo unha acollida fantástica porque é unha peza divertida, pero polémica. Fala da destrucción dos nosos paraísos, da chegada dunha construcción agresiva que en vez de axudar a desenvolvernos fai todo o contrario. Empobrécenos non só materialmente senón espiritualmente. Manuel Lourenzo fala diso, dun xeito divertido e logo Quico Cadaval dálle unha volta importante e veremos xente cantando, bailando, rapeando e ademais ten un toque picante”.

As dunas foi presentada esta mañá en rolda de prensa no Concello de Ribadeo. Un acto que contou coa presenza da concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra.

Exit mobile version