LOURENZÁ .- O club de fútbol Bóveda fíxose coa Copa Deputación para as categorías de segunda e terceira autonómica ao vencer pola mínima, nos últimos minutos, ao Alfoz que dominou sen éxito case todo o partido. O encontro disputouse no campo de Santa Cruz en Lourenzá e onde responsable da área de Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, entregou a XXVI Copa Deputación ao capitán do Bóveda
Nota de Prensa
O BÓVEDA GAÑA A XXVI COPA DEPUTACIÓN PARA 2ª E 3ª AUTONÓMICA
O equipo de Bóveda venceu pola mínima, cun gol nos últimos minutos do encontro, a un Alfoz que dominou boa parte do partido disputado no campo de Santa Cruz en Lourenzá
LUGO, a 20 de xuño de 2009. O club de fútbol Bóveda fíxose coa XXVI Copa Deputación para as categorías de 2ª e 3ª Autonómica ao vencer pola mínima, mercede dun gol conseguido nos últimos minutos de partido froito dun despiste defensivo dun Alfoz que dominou sen éxito case todo o partido. O encontro disputouse no campo de Santa Cruz en Lourenzá, que presentaba unhas boas condicións para a práctica do fútbol nun día soleado, diante de máis de cincocentos seareiros de ambos equipos que encheron as gradas de colorido verde e vermello ataviados coas vestimentas dos dous conxuntos. Foi unha final disputada de principio a fin, onde o Bóveda fixo gala dunha organización defensiva que anulou os continuos esforzos do Alfoz por inaugurar o marcador, pese a dominar case de principio a fin o encontro. O partido resolveuse cun gol no minuto 85 de xogo nunha das poucas chegadas do conxunto de Bóveda, que aproveitou unha indecisión entre a defensa e o porteiro do Alfoz para anotar o gol que lle outorgaría o título de Campión da XXVI Copa Deputación.
O responsable da Área de Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, logo de entregar a XXVI Copa Deputación ao capitán do Bóveda e felicitar a ambos conxuntos por haber chegado á final deste trofeo, manifestou a súa satisfacción polo alto grado de participación nesta competición e polo alto nivel de xogo despregado polos equipos finalistas. Veiga quixo felicitar tamén ás afeccións de ambos os dous equipos que se desprazaron ao campo de fútbol de Santa Cruz de Lourenzá nun día soleado que engrandeceu máis se cabe o espectáculo deportivo presenciado na tarde de hoxe.