Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros solicita a construción do centro de día prometido por Feijoo

NOTA DE PRENSA (FNC)
O BNG PRESENTA UNHA MOCIÓN SOLICITANDO A CONSTRUCCIÓN DO CENTRO DE DÍA PROMETIDO PARA O CONCELLO POLO PRESIDENTE DA XUNTA NO SEU DISCURSO DE INVESTIDURA.

Barreiros, 13 de xuño de 2009. O grupo municipal do BNG en Barreiros ven de presentar unha moción para o seu debate en pleno na que solicita que se proceda a licitar a construción do centro de día, prometido para o concello polo presidente da Xunta no seu discurso de investidura.

Os nacionalistas lembran que “no seu discurso de investidura, o actual presidente da Xunta comprometeuse a construír un centro de día en todos os concellos con poboación superior aos 1.500 habitantes, é dicir, nun total de 261 concellos galegos. O BNG non vai deixar de amosar a súa satisfacción polo que significaría esta medida para os concellos de Galiza, tendo en conta ademais que en 16 anos de goberno do Partido Popular, entre 1989 e 2005, non se construíu nin existía un só centro de día público no noso país fronte aos 57 promovidos polo BNG desde a Vicepresidencia da Xunta entre os anos 2005 e 2009”. Desde o grupo municipal do Bloque din que “tendo en conta os 57 centros xa existentes, o compromiso do presidente da Xunta permitiría a posta en marcha de 204 novos centros de día públicos para persoas maiores. Inxente traballo que merece o apoio e ofrecemento do BNG para colaborar en conseguir este obxectivo”.

O BNG de Barreiros explica que “posto que no noso concello non existe centro de día e que ten máis de 1.500 habitantes, seremos beneficiarios durante esta lexislatura da construción dun centro de día. É preciso, polo tanto, que esta actuación se planifique e realice no menor tempo posible, e que coñezamos os detalles da súa execución (licitación, prazo de execución, orzamento) así como a futura prestación do servizo (número de prazas, cadro de persoal)…”.

Por todos os motivos expostos o grupo municipal do BNG presenta a moción para o seu debate plenario solicitando que o Concello inste á Xunta a que proceda a licitar a construción do centro de día prometido para este concello polo actual presidente da Xunta no seu discurso de investidura; que informe sobre orzamento, prazo de execución da obra e posta en funcionamento do centro de día e que informe tamén dos servizos que prestará o centro de día, do número de prazas e do cadro de persoal.

Exit mobile version