BARREIROS (FNC) .- O BNG de Barreiros ven de publicar un novo número da súa revista A Xanela, con motivo das eleccións europeas e no que se fai un balance dos 24 meses que o PP leva no Concello tralas pasadas municipais. O BNG asegura que dous anos despois deses comicios, “constátase que o apoio que os veciños de Barreiros lle deron ao PP no 2007 non serviu para o que o Concello avance”.
Na Xanela os nacionalistas analizan en 24 puntos os asuntos pendentes que aínda segue a ter pendentes o Concello de Barreiros. O BNG sinala que “segue a contratarse persoal sen garantir os principios de igualdade, capacidade e méritos. Segue aumentando esaxeradamente o gasto de persoal sen que iso repercuta nunha mellora de moitos dos servizos que ten que prestar o Concello”. Outra das asignaturas pendentes para o BNG son os maiores que “seguen sen dispoñer dun centro de día e doutras instalacións e servizos necesarios para mellorar a súa calidade de vida, a pesares de que desde a Vicepresidencia, que dirixía o BNG, do anterior goberno da Xunta se lle ofertaron esas posibilidades, ofrecéndolle ao Concello integrarse no Consorcio Galego de Servizos Sociais. Unha proposta que foi rexeitada polo alcalde”.
Infraestructuras
Os nacionalistas tamén aluden na súa publicación á rede viaria local que “continúa en penoso estado, con pouca axilidade no mantemento e só movéndose algo en época electoral, e en moitos casos deixando as obras a medio facer”. O BNG suliña que “seguen sen atenderse moitas demandas veciñais, como os problemas que os veciños de San Cosme plantexaron a respecto das obras da autovía. Tiveron que ser os memos veciños, despois dunha reunión informativa co consello local BNG, os que se dirixiran por escrito ao Ministerio de Fomento para poder seren atendidos. O PP, e concretamente o alcalde segue a boicotear as iniciativas dos grupos da oposición que supoñen melloras para os veciños. Así aconteceu coa comisión de seguimento das obras da autovía. O rexedor desentendéuse de dita comisión deixando de convocar as pertinentes reunións da mesma”.
Desde o BNG de Barreiros tamén critican “as demoras que estivo a sofrir toda a tramitación para a estación depuradora de augas residuais da Espiñeira, que dará servizo a este barrio e ao polígono industrial. E coma sempre os perxudicados son os veciños e as empresas que queren adquirir unha parcelano polígono, pois mentras non estean cerrados os trámites para a construcción da depuradora non se poderán poñer á venda ditas parcelas”.
O revista do Bloque recolle que “desde xullo de 2006 en que se asinou o convenio con 24 promotores e constructores para dotar a Barreiros dunha nova rede de abastecemento de auga por importe de 3.600.000 euros, tres anos despois a tan agardada e necesaria obre segue sen iniciarse. Desde a alcaldía andan buscando culpables, xa que neste caso tampouco queren cargar coa culpa”.
A análise que o BNG fai dos 24 meses deste mandato do PP no Concello apunta que “a zona sur segue prácticamente cos mesmos problemas que hai unha década ou dúas: estradas obsoletas, sen saneamento, deficitario mantemento da rede viaria local… Como resumen, 24 meses despois poderíase concluir decindo aquello de para tan curta viaxe non facían falta tan grandes alforxas… nin tantas promesas”.