Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo espera que despois do verán xa se poidan mercar terreos no polígono industrial

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agarda que a finais deste verán se poida dar información sobre os prazos e os prezos para solicitar a compra de terreos no polígono industrial de Ribadeo. Nas últimas horas o rexedor visitaba as obras de construción e sinalaba que “vemos como a medida que pasan os días, e xa levamos cerca de dous meses de obras do tan ansiado polígono industrial de Ribadeo, vemos como xa vai tomando forma, vemos como xa se eliminou toda a cuberta vexetal. Agora mesmo están na fase de canalización das tuberías de auga, de saneamento, de pluviais e están empezando a botar o firme para definir as rúas interiores do polígono”.

Suárez Barcia destacou que o polígono de Ribadeo “vai ocupar unha superficie duns 170.000 metros cadrados e que con estes 11 meses de execución de obras nos que FCC se comprometeu a telo listo podemos prever que para a vindeira primavera o tan ansiado, demandado e querido polígono industrial de Ribadeo sexa unha realidade”. O alcalde asegurou que “hai moita xente que se está a interesar, veñen falar co alcalde tanto empresarios locais de aquí de Ribadeo como tamén da comarca tanto da Mariña luguesa como do Occidente asturiano, que me veñen preguntar das posibilidades para asentarse en Ribadeo e tamén debo dicir que algunhas iniciativas económicas que son de fora, no caso de que se decidan a asentarse aquí, suporían un revulsivo económico para toda a comarca. Estanse interesando, pero non podemos dar datos económicos acerca do custo do metro cadrado, do custo da parcela, porque aínda non os temos. Contamos que a finais deste verán, como así nolo fixeron saber os responsables de SEPES (a empresa pública que xestiona a construción deste polígono), poidamos dar información real sobre os prezos do metro cadrado e poder abrir formalmente os prazos para solicitar a compra de terreos”.

O rexedor ribadense lembrou que “esta realidade que se puido desbloquear despois de moitos anos, debo dicir unha vez máis que foi grazas ao apoio crucial e decisivo da Consellería de Innovación e Industria do goberno galego anterior no que o seu titular, Fernando Blanco, mediu dunha maneira decidida para poder asinar aquel protocolo entre E.On, Sepes, o Concello e a Consellería de Industria, poñendo unha cantidade de diñeiro enriba da mesa para poder construír a subestación eléctrica que era o que estaba bloqueando que o polígono puidera ir adiante. E na vindeira primavera Ribadeo, despois de casi 20 anos de discusións e de non ter nin un metro cadrado de solo industrial, poderá ter un polígono digno, moderno, moi ben situado e conectado coa A-8, ben conectado por mar e coa liña de FEVE que lle pasa a carón”.

Fernando Suárez anunciou que “estamos tentando negociar con FEVE unha posible terminal de carga e descarga para contar cunha terminal intermodal de mercadorías e converter ese polígono nunha zona industrial magnificamente conectada por terra e por mar”.

Exit mobile version