Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo afirma que “imos ter a maior inversión nun ano en toda a historia do Concello”

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, sinalou hoxe que “estamos intensificando nesta temporada de verán e damos cumprimento a boa parte das expectativas que hai sobre os camiños, vías públicas municipais, tanto na vila como nas parroquias”.
O rexedor asegurou que “as parroquias viron nos últimos meses como os seus camiños e as súas pistas se deterioraban por mor das intensas chuvias caídas durante todo o inverno. Eses camiños estaban regular e pasaron a quedar en moi mal estado. De aí que agora teñamos varios plans en marcha. Temos o fondo estatal de inversión local no que toda a corporación decidimos asignar unha boa parte deses fondos á reparación de camiños en todas as parroquias da concello. Hai dúas empresas traballando, unha nas parroquias do interior e outra na costa e que intensifican o seu traballo coa chegada do bó tempo o que lles permite traballar sen parar”.
Suárez Barcia segue a explica que “temos o plan extraordinario de Medio Rural que quedou do anterior goberno da Xunta. Un plan moi importante no referido a amañar camiños que proviñan da concentración parcelaria. Tamén temos o plan de obras e servizos que o levamos entre a Deputación e o Concello así como o plan estratéxico de infraestructuras do Medio Rural. Penso que neste 2009 imos ter a maior inversión nun ano en toda a historia do Concello, pero con todo non é dabondo, con todo non é suficiente, polo que coa brigada municipal de obras tamén nestes días (a semana pasada e ésta) estamos a tapar baches naquelas vías de comunicación, que ben porque non se van facer agora mesmo ou porque ainda van tardar un pouquiño, estamos actuando neses baches para que non vaian a máis e para que os vehículos poidan transitar dunha forma cómoda e segura”.
O alcalde agarda que “ao finalizar o verán volte a normalidade ás vías e parroquias de Ribadeo e tamén a vías urbanas como poden ser a rúa Camilo Barcia que estaba nunha situación lamentable, Irmáns Moreno, a Avenida de Luarca que se amañará nesta temporada e que cando dé comenzo o curso escolar quedarán en perfecto estado de revista, como está a ocorrer no entorno do colexio das monxas tanto na rúa Carlos III como na rúa Lazúrtegui… En fin que á volta deste verán recuperen a normalidade as vías urbanas da vila de Ribadeo como as vías públicas rurais das parroquias do noso concello”.

Exit mobile version