BURELA (FNC).- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, asegura que se levan feito moitas máis obras nestes dous anos do seu mandato que na etapa anterior o que fai que “os cidadáns estean orgullosos de vivir no noso pobo”. O rexedor di que “Burela non está paralizada e non hai máis que dar unha volta en coche ou andando para ver todas as obras que se están a facer e para ver o cambio que experimentou a vila tanto no eido cultural, como no educativo, no turístico, no social ou no medio ambiental. Estamos a ter unha vida municipal moi activa”.
Alfredo Llano di que no que resta de mandato “haberá que pensar no plan xeral co que hai que definir claramente o que queremos facer aquí; no capítulo de obras estamos mellorando todas as nosas praias e aí estamos creando unha grande área recreativa na Marosa; o noso porto é un referente no Cantábrico que combinará perfectamente tres actividades que son a pesqueira, a comercial e a recreativa… hai que lembrar que se construiu a nave de redes, que se está rematando o aumento do peirao e que está en obras o acceso ó porto. Imos ser un pobo punteiro nas actividades que teñen que ver co mar”. O alcalde lembra tamén que “desde que chegamos ó goberno municipal o abastecemento de auga está preto de rematar, de feito en xaneiro de 2010 estará en funcionamento e mellorou moito a calidade da limpeza en Burela gracias ó acordo asinado con Celta Prix…”.
O rexedor burelés considera que “hai proxecto para dous anos e para máis” e que “cando remate este mandato Burela estará extraordinariamente cambiada con respecto a cando chegamos ao Concello”.
Pacto de goberno
Alfredo Llano sinala que “ese acordo de goberno foi pensado para ser revisado ano tras ano e o que aquí se pretende é facer todo o posible polo pobo de Burela. Aquí non se trata de ver quen destaca máis, si o PSOE ou o BNG na realización de cousas, senón que tratamos de concentrar todos os nosos esforzos en facer cousas para Burela. Ese é o único pacto que temos o Bloque e o PSOE, aquí non se trata de discutir cuestións políticas senón de arrimar o hombro para que Burela saia beneficiada. Ese é o único pacto que temos”.
Mancomunidade
Sobre a mancomunidade de municipios de A Mariña, Llano, apunta que “cando un se mete en algo debe preocuparse de que sexa eficaz. A mancomunidade, como membro que son dela, vou procurar que funcione e animar ós meus compañeiros a que teña sentido todo o que fagamos. Si antes non estaba nela non lle daba importancia, ainda que o histórico da mancomunidade é máis ben triste que alegre. Aí houbo xente que ó mellor non dinamizou o que tiña que dinamizar, pero agora que estamos un novo equipo e que hai unha nova directiva, considero que hai moitos servizos e moitas cuestións que se poden compartir, temos que analizar cales son os que nos interesan. E agora sí que agora é o momento de darlle sentido e por eso lle dou importancia”.