BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, convida a todos os veciños da Mariña a achegarse nos vindeiros días a gozar das festas patronais que vivirán a súa fin de semana grande. Llano sinala que “o pobo vai recibir a centos de persoas porque todas as familias teñen moitos convidados estes días. O venres temos, por exemplo, a actuación de La Guardia coa que agardamos que todos se divirtan e o pasen o mellor posible”.
O rexedor suliña a importancia que teñen as procesións da fin de semana para todo o pobo, pero sobre todo para as xentes do mar. Alfredo Llano apunta que “o sábado asistiremos á confección da alfombra floral pola que a Virxe do Carme baixará ata o porto pola noite. Ojalá non chova, tocaremos madeira, porque desde moi cedo ducias de persoas traballarán durante horas para facer esta fermosura no chan, a xente involúcrase moito, é un exemplo de traballo colectivo e en harmonía. A alfombra ten unha lonxitude dun quilómetro, máis ou menos, e son poucas as horas nas que poderá verse ou sexa que animo a todos os que queiran a que se acheguen durante a xornada do sábado a ver a nosa alfombra floral pola que discorrerá a procesión a partires das nove e media da noite, aproximadamente”. O alcalde de Burela alude “á connotación tan importante que ten este acto coas xentes do mar, pero tamén co resto da nosa poboación. O que se vive e se respira en un ambiente de total respecto. E despois temos o domingo a procesión dos barcos, para a que tamén agardamos contar con bo tempo e cunha participación importante dos nosos barcos e mariñeiros. É un acto moi vistoso”.
O luns, festivo local
As festas de Burela deste 2009 rematarán o luns 8 de xuño “día festivo no pobo e no que entre todos compartiremos a nosa festa coa presencia de boas orquestras das que gozar como son Panorama e Philadelfia”. O alcalde convida “a todo aquel que queira participar nas nosas festas, unhas das mellores da comarca da Mariña, a que se achegue estes días a Burela. É das primeiras que se celebran, xa que como todos saben adiantáronse no tempo para que os mariñeiros que participan na costeira do bonito poidan asistir a estas festas en honor á Virxe do Carme. E mándolles un saúdo especial aos nosos mariñeiros que a vindeira semana parten cara a costeira do bonito. Desexámoslle desde o Concello moita sorte”.