Site icon Crónica3.com A Mariña

Mariña Patrimonio presenta en Viveiro “A Literatura Oral na Canción Galega”

VIVEIRO.- O acto desenvolverase no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro o próximo venres, día 12 de xuño, ás 20 horas co participación dos músicos Mini e Mero. Mini e Mero é un dúo de cantautores chairegos, formado por Xosé Luís Rivas Cruz (Mini, nado en Begonte o 18 de xuño de 1951) e Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero, Vilalba, 27 de xuño de 1951), músicos, poetas, mestres e investigadores do folklore e a cultura tradicionais galegos, membros históricos de Fuxan os Ventos e actuais compoñentes de A Quenlla.

Ademais da súa produción discográfica cos devanditos grupos, teñen participado por separado ou conxuntamente noutros discos de música galega, como o Quiquiriqui producido no ano 2006 pola Asociación de Gaiteiros Galegos e en obras teatrais como Pan, catro propostas arredor da malla (creación e adaptación musical súa) e publicado diversos libros.

É salientable o seu labor de recompilación de contos, lendas, refráns, ditos ou poemas, principalmente na súa Terra Chá natal e nas zonas onde exercen o seu traballo de mestres: Mesía (Mero) e Boimorto (Mini).

O arquivo sonoro froito deste labor, e composto por milleiros de cintas magnetofónicas, foi cedido ao Museo do Pobo Galego para a súa dixitalización e incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, que ha estar dispoñible no web do museo.

No campo educativo son autores de diveros libros de texto de ciencias sociais, naturais e lingua galega para o ensino infantil e primario.

En abril de 2009 foilles concedido por unanimidade o Pedrón de Ouro como recoñecemento á súa traxectoria de corenta anos de investigación musical, galardón que recibiron o 24 de maio de 2009.

Exit mobile version