BARREIROS (FNC) .- O vindeiro 1 de xullo abre as súas portas ao público en Barreiros a exposición permanente de Celso Dourado que se inaugura o 27 de xuño.
O denominado Eido Dourado consta de dous espazos diferenciados, segundo explica o propio artista, “hai un espazo que é o que ocupa a galería de arte que se divide en tres salas contiguas. Non é moi grande, pero ten interés a parte de pola obra exposta polas estruturas arquitectónicas da propia sala. Despois hai outro espazo que é o que ocupan dous xardíns visitables. Un de orientación alpina e outro de inspiración zen feito con gravilla de cuarzo. Todo esto responde a un binomio de autoconstrucción onde o contido e o continente forman parte do mesmo autor”.
Celso Dourado considera que se trata “dun un fito un pouco histórico na zona. Nunca se viu a creación dun espazo persoal aberto ao público en xeral. É un pouco cohabitar, é dicir, os espazos de creación coa propia obra exposta. Sempre a obra se despraza a grandes urbes e por primeira vez a obra pódese ver na zona rural, nun pobo sen máis. E o máis importante eu coido que é a característica que antes nomeei que quen fixo a edificación é o mesmo autor que fixo os cuadros e o que diseñou e prantou as prantas do xardín. É unha obra que se pode entender como global”.
O artista barreirense lembra que “a idea xurdiu alá polo ano 1985 tras un viaxe pola Suiza. Alí observei que cantidade de autores e de creadores autoconstruían os seus espazos para ter sempre unha obra permanente exposta ao público. Eu propúxenme facer algo similar e elixín o sitio na praia de A Pasada e alí escomencei a traballar. O proxecto alongóuse moito no tempo porque as dificultades eran grandes, sobre todo debido ao tema económico, mais o cariño posto na autoconstrucción foi moito e por eso levou a utilizar cantidade de materiais reciclados e nunca a renunciar ao proxecto inicial”.
Horarios
Eido Dourado poderase visitar a partires do 1 de xullo de 11:30 a 14:00 horas polas mañás e de 18:00 a 22:00 horas polas tardes, agás o luns que permanecerá pechado. Nesta exposición permanente, que abrirá en períodos vacacionais ou previa cita telefónica no 982 12 44 51, pódese ver “unha colección importante de distintas épocas e de distintas obras e técnicas. Non hai un fío condutor, foi unha selección de obras que eu fixen que pertencen á miña propia colección e que van estar expostas. É variado non hai un nexo entre todas elas nin tampouco unha data que as unifique, son de distintas épocas e distintas obras”.
Este espazo foi deseñado e autoconstruido polo pintor Celso Dourado con materiais reciclados na súa maior parte, no que a pedra e a madeira son protagonistas. Empregáronse vellas vigas, antigos postes do tendido eléctrico e travesas do ferrocarril recuperados.
A obra de Celso Dourado caracterízase polo uso dunha figuración surrealista, na que as mans son protagonistas. Ríndelle un culto especial á liña en detrimento da cor e destaca o emprego de técnicas pouco habituais como as pirografías ou as boligrafías.
Biografía
Celso Dourado naceu en Barreiros (Lugo). Aos oito anos sofriu un accidente que lle amputou ámbalas dúas mans, feito que marcará tanto a súa existencia como a súa obra. Estudia arte en Madrid, Lugo e A Coruña, expón con regularidade a partires dos anos 80, á vez que colabora como ilustrados en diferentes publicacións.