Haberá tempo tamén para as actuacións musicais de Vadim Yukhnevich que interpretará “Cantigas do maio”, do Zeca Afonso, e poderase escoitar tamén a Tino Baz, Miro Casabella, Manolo Panforreteiro (gaita), Xurxo Varela (viola da gamba) e Oleksander Savchuk (viola). Haberá tamén unha intervención poética de Xabier Cordal, e do escultor Juan Puchades.
Xa pola noite, preto das 22:00 horas, na galería de arte Paulina Ceremuzynska interpretará cantigas medievais, unha actuación que precederá á apertura oficial a cargo de Celso Dourado. Unha hora máis tarde, a partires das 23:00 horas dará comenzo a festa-concerto que contará con Xurxo Souto como mestre de ceremonias. Nesta parte do acto de inauguración do Eido Dourado tocarán Miro Casabella e Tino Baz, mentres que o artista circense Andrés Pámpano realizará as súas intervencións entre o público. Tamén cantará Jara Ortiz, de Lúa da Fouce, e de novo a Vadim Yukhnevich, co acordeón, acompañando a Harry á gaita búlgara. A danza do ventre de Mónica, acompañada pola percusión de Antonio, o canto de Maureen e Petra, o grupo Kibitka ou Café Cachaza serán outras das actuacións da noite que culminará cunha queimada.
Apertura ao público o 1 de xullo
Eido Dourado poderáse visitar a partires do 1 de xullo de 11:30 a 14:00 horas polas mañás e de 18:00 a 22:00 horas polas tardes, agás os luns que permanecerá pechado. Nesta exposición permanente, que abrirá en períodos vacacionais ou previa cita telefónica no 982 12 44 51, pódese ver unha colección importante de distintas épocas e de distintas obras e técnicas de Celso Dourado. Este espazo foi deseñado e autoconstruido polo propio pintor con materiais reciclados na súa maior parte, empregáronse vellas vigas, antigos postes do tendido eléctrico e travesas do ferrocarril.