RIBADEO (FNC).- Parte da comisión organizadora das festas de Ribadeo 2009 dimitiu por discrepancias co resto de persoas que a forman. Segundo explican os membros saíntes “chegamos con dúas propostas, unha era mellorar as festas e a outra cambialas de localización. Como non é posible nin unha cousa nin a outra decidimos abandonar unha comisión que é a mesma doutros anos, porque están os de sempre e non deixan que as ideas ou as propostas do resto poidan levar adiante. O aire novo que pretendía entrar nesta comisión foise xa”.
A comisión saínte fórmana: Luís Fernández, Juan Edrosa, Roberto Rivas e Manuel Pérez. Este colectivo asegura que “presentáronse dúas propostas de carteis e de orquestras. Consideramos que a de máis calidade, o cartel máis completo e máis económico era o noso que ademais permitía traer a unha boa orquestra a Ribadeo sen custos maiores tanto en San Juan como en San Roque. Finalmente a proposta que prosperou foi a outra, que nós consideramos insuficiente para mellorar as festas de Ribadeo e que era máis custosa”.
Os membros da comisión que se van aseguran que o fan “porque o único que recibimos por unha perte do resto desta comisión, que son os mesmos desde fai xa uns cantos anos, foron insultos, ademais de acusarnos de interesados. Como non somos interesados e non estamos dispostos a aguantar algunhas cousas, ímonos”.
A comisión saínte anuncia que nos próximos días presentarán unha proposta no Concello de Ribadeo para intentar crear a comisión organizadora das festas patronais de 2010.