Site icon Crónica3.com A Mariña

Destruír a Lingua: destruír a identidade

É evidente a loita do PP contra a Lingua Galega como sinal de identidade do noso Pobo. O seu obxectivo está claro, así como quen manda no PP. Os do “birrete” substituíron aos da “boina”. É o mesmo que dicir que o Sr. Aznar é quen manda no PP e que son as súas FAES quen impoñen a liña ideolóxica ou as mentiras do PP. A extrema dereita instalada na súa mesma dirección, movendo os fíos que manexan a Rajoy e a o seu homónimo en Galiza, sr Feijoo. A rotura coa burguesía galega é total e en base a imposición dun férreo centralismo e a eliminación de todas as sinais de identidade dos pobos do estado. É un gobernar dende arriba, baseada no control e na imposición de liñas políticas e económicas que favorecen as multinacionais e ao gran capital, introducindo un liberalismo feroz que pretende a eliminación do sistema produtivo público e a pequena e mediana empresa, asignando a cada zona un finalidade produtiva básica controlada polas multinacionais.

É impresionante como estes “patriotas”, que teñen como símbolo a bandeira española e como estereotipo a defensa de todo o español, tan pronto como teñen poder, venden todo o sistema produtivo do Estado: a enerxía, as comunicacións, as empresas de enclave e permiten entrar a saco, fomentando unha competencia desleal, as multinacionais, facilitando o desmantelamento da agricultura, da gandería e das industrias propias, afastándoas centros de poder do pobo e facéndoo dependente do capital alleo. Só debemos fixarnos a onde foron a parar as privatizacións do Estado, despois de pasar por mans de empresarios adictos ao sistema, foron vendidas a multinacionais con base noutros países. Patriotas apegados a moeda, vendedores de patrias, que baseándose nun liberalismo feroz desmantelan o Estado, sen ningún tipo de escrúpulo. A saber si teñen vendida a bandeira, o seu símbolo. Polos escarceos do sr Aznar con Bush, diría que xa teñen outra. Só temos que esperar algún tempo para que o pobo así enganado, se de conta do que representan estes apátridas.
A Lingua, a Cultura do Pobo, a súa identidade, a loita por unha economía propia, baseada nos recursos do propio Pais, enfróntase de xeito frontal cos seus intereses baseados no lucro, na explotación dos homes e das mulleres e dos seus recursos, dos recursos do pobo. A súa loita contra a propiedade do pobo é salvaxe e descomunal. Falan de liberalización do mercado, da liberdade de elección, de inconstitucionalidade, utilizando premisas falsas (mentindo) e volvendo contra os intereses do mercado, dos cidadáns, da Constitución, da liberdade do Pobo e da propia liberdade das persoas, as propias leis e as institucións cidadáns. O seu poder miserábel distorsiona a realidade a través dos medios de comunicación que controlan e utilizan de xeito inmoral e contra todo tipo de ética, só coa intención de controlar o poder.
Niso andamos. Non podemos permitilo. Utilizar a Lingua e a Cultura Galega para ocultar as súas inconfesas intencións non debemos permitilo. A Lingua e a Cultura son de todos, de todo o noso Pobo: Son o noso vínculo de conexión, de comunicación, de entendemento, a nosa propia identidade, o cantar do carro, o ruxir das fervenzas, os nomes das cousas, da natureza, dos nosos sentimentos, do amor que sentimos, dos ollos que nos miran, das palabras que nos din, … Por iso queren destruílas. Non podemos permitilo!

Exit mobile version