O VICEDO .- A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración con concello do Vicedo, anuncia novos obradoiros de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de xuño nesta localidade. Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:
* “Iniciación á Informática: Linux”: ao finalizar este obradoiro o usuario será capaz de manexar con certa soltura os obxectos (arquivos, cartafoles, ferramentas …) e funcionalidades básicas que ofrece un computador, neste caso usando un sistema operativo baseado en Software Libre. Desenvolverase os luns, mércores e venres, do 8 ao 19 de xuño, de 10 a 11:30 horas.
* “Creación dunha conta correo electrónico”: con esta actividade preténdese que o usuario/a, ao finalizar este obradoiro, sexa capaz de crear e xestionar a súa propia conta de correo electrónico. Desenvolverase os martes e xoves, do 9 ao 18 de xuño, de 10 a 12 horas.
* “Iniciación a Internet”: con este obradoiro preténdese que o usuario/a ao finalizar sexa capaz de utilizar, de forma básica, aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede Internet. Vai ter lugar do 22 ao 30 de xuño, de luns a xoves, de 10:30 a 12 horas.
* “Manexo do escáner e gravación de CDs”: con este obradoiro preténdese que o usuario/a sexa capaz de escanear as súas imaxes e gardalas nun CD. Vai ter lugar do 22 ao 25 de xuño, de luns a venres, de 12 a 13 horas.
Asemade, está prevista a realización da charla “Que é Linux. Sistema operativo Ubuntu”. Esta, que terá lugar o día 19, ás 11:30 horas no Centro de Dinamización, consistirá nunha explicación dos sistemas operativos libres, qué son e cómo funcionan, poñendo de exemplo Ubuntu e Galinux.
O prazo de inscrición para estas actividades será até un día antes do comezo do obradoiro. Para inscribirse ou para solicitar máis información poden dirixirse ao Centro de Dinamización do Vicedo, sito na Casa da Cultura na rúa Cidade de Mondoñedo, chamar ao teléfono 982.590.195 ou mandar un correo electrónico ao enderezo tedy.ovicedo@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.