RIBADEO (FNC) .- O Concello inicia hoxe o lavado dos contedores amarelos, segundo anuncia o edil de Medio Ambiente. Horacio Cupeiro sinala que “a empresa Urbaser será a encargada de realizar estes traballos. A verdade é que agora mesmo levaban tempo sen limpar e teñen un color no que a suciedade produce un forte impacto, de aí que se faga necesaria esta intervención. Imos limpar todos os contedores amarelos de Ribadeo”.
O concelleiro nacionalista lembra que “os do vidro xa os limpamos e estou contento de cómo se fixo, a pesares de que houbo veciños que se viron prexudicados e que incluso me chamaron para decirme que quedaba unha charca de auga. Si que os limpamos como nunca, porque os camións lávanos por dentro, pero non por fora e entón nós cunha pistola hidráulica procedemos á súa limpeza e sí que se nota”.
Horacio Cupeiro asegura que a xente está contenta coas recomendacións feitas no seu día para que “aqueles que teñen fincas na vila e no casco histórico as manteñan limpas. Está habendo boa resposta e seguimos reiterando que aqueles que teñan fincas que continúen así porque eso redundará na imaxe de Ribadeo de cara ás persoas que nos visitan”.
O edil de Medio Ambiente ten especial interese, segundo él mesmo manifesta, “en que todas as rotondas de acceso a Ribadeo sexan melloradas polo que a xardíns se refire. A imaxe que teñen agora mesmo, que acabo de visitalas, é moi boa. Estou moi satisfeito coa bandeira verde que nos deron e de como estamos dando resposta para que no futuro sigamos contando con ela”. Cupeiro engade que “no parque de San Francisco debido ás obras nos costa levantar a cabeza, pero sí que imos conseguilo para ofrecer a mellor imaxe de Ribadeo e para que todos poidamos gozar do medio ambiente que temos neste noso concello”.
Recomendacións
O concelleiro ribadense aproveita a ocasión coa chegada do verán para facer algunhas recomendacións á cidadanía. “Queremos insistir en pedirlles que se absteñan de sacar o lixo a primeiras horas da mañá, non queremos que o baixen das súas casas ata as 21:00 horas porque senón fermenta no interior dos contedores e teremos que estar continuamente limpándoos”, explica Cupeiro. O edil de Medio Ambiente felicita “aos propietarios de cans porque se está reducindo a presencia de defecacións na rúa e anímoos a que sigamos nesta liña para que non atopemos nada cando paseamos pola rúa. Felicito tamén aos medios de comunicación por facer chegar á cidadanía todas estas recomendacións que xa se están empezando a notar”.
Horacio Cupeiro tamén pide que “non se deixe o cartón enriba dos contedores habilitados para esta recollida, cando moitas veces eses recipientes están vacíos, porque da moi mala imaxe e tamén quero pedir outra cousa con moito respecto, que é máis vixilancia dos pais e das nais que levan aos nenos ao parque de San Francisco e cando eles van tomar algo alí á cafetería e os nenos quedan sós o que fan é enchernos de pedras, e bastante grandes, a fonte. Pídolles que os controlen un pouco para que non volte a producirse esta anomalía que se está a dar no parque”.